El Correo Gallego

Noticia 14 de 30 noticia anterior de Federación Galega de Comercio Galicia » Federación Galega de Comercio

A campaña de fomento do consumo repite éxito na súa novena edición

A iniciativa desperta un gran interés para os comerciantes e tamén para os consumidores

José Mª Seijas durante a súa intervención na presentación da campaña en Monforte - FOTO: FGC
José Mª Seijas durante a súa intervención na presentación da campaña en Monforte - FOTO: FGC

R.P.  | 16.09.2016 
A- A+

A Federación Galega de Comercio, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria – Dirección Xeral de Comercio, Abanca, Novogal, Grupo Femxa e as correspondentes asociacións de comerciantes locais, están a celebrar a novena edición da campaña de dinamización do consumo que se desenvolve baixo o título de As Compras na Túa Vila Teñen Premio. Esta iniciativa vai xa pola súa novena edición, consolidando o éxito rotundo de participación e vendas que dende os seus inicios colleitou esta atractiva campaña. 

Neste 2016 serán catro as localidades visitadas. Monforte e Melide albergaron esta actuación na primavera. En concreto, As Compras na Túa Vila Teñen Premio estivo en Monforte entre o 25 de abril e o 6 de maio, e en Melide do 9 ó 20 de maio. 

Na actualidade, a vistosa carpa da campaña de dinamización está instalada en O Grove, onde hoxe mesmo sortearanse na Praza do Corgo, a partir das 20.00 horas, os 4.000 euros de premio. Finalmente, a partir do luns, estará en Allariz, onde será clausurada a campaña e a presente edición o venres, 30 de setembro. 

As Compras na Túa Vila Teñen Premio ten un gran interés tanto para comerciantes como para consumidores, non só polos medios empregados e o lugar estratéxico de ubicación da carpa da campaña, senón sobre todo porque se sortean en directo un total de 4.000 euros en premios cedidos por Abanca e distribuidos en cinco tarxetas prepago de 300 euros e 25 tarxetas prepago de 100 euros, que deben ser gastadas en mercar novamente no comercio local. A Consellería de Economía, Emprego e Industria – Dirección Xeral de Comercio e a Federación Galega de Comercio, son firmes defensores desta iniciativa promocional que chega á novena edición tendo visitado un total de 58 vilas galegas dende os seus inicios no 2009. “Créase unha rutina especial entre os consumidores das localidades que visitamos e a nosa campaña, por unha quincena somos parte da vida dos veciños e está demostrado que durante ese tempo se incrementa o consumo. Por iso, é unha iniciativa moi demandada por comerciantes e asociacións”, explica o presidente dos comerciantes galegos, José María Seijas. 

Outro dos motivos do éxito da campaña é a doada dinámica da mesma. Os consumidores que realizan unha compra no comercio de proximidade da súa localidade, deben acudir co seu tícket de compra á carpa que se instala nun lugar céntrico da cidade onde se celebra, ou a algunha das promotoras que hai pola rúa, as cales séllanlles o tícket simplemente a efectos de invalidación para a súa reutilización e a cambio danlle a metade dun boleto numerado de participación no sorteo. 

O consumidor queda coa metade do boleto e a outra parte, coa mesma numeración, é depositada nunha urna. O sorteo ten lugar dentro dun programa de fin de campaña que conta coa actuación do mago cómico Rei Midas, e a continuación ten lugar o sorteo dos premios, que esixe que os clientes estén presentes para converterse en gañadores. 

O obxectivo de As Compras na Túa Vila Teñen Premio é dinamizar o consumo nas cidades nas que se desenvolve; finalidade que se cumpre con creces en tódolos casos.

Melide e Monforte albergaron a campaña na pasada primavera

Francisco Conde destacou a calidade, variedade e profesionalidade do comercio galego

O peche de campaña na localidade lucense de Monforte tivo lugar o venres, 6 de maio, e contou coa presencia destacada do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Foron nesta ocasión 21.500 os boletos que se recolleron nas urnas da campaña, que se corresponden cun igual número de compras e un volumen de negocio que pode ascender a 450.000 euros.

Francisco Conde quixo destacar a “calidade, variedade e profesionalidade” do comercio galego e, neste caso, especialmente do monfortino. Sinalou que o comercio de Monforte é un claro exemplo de cómo este sector é clave na dinamización económica, “supoñendo nos últimos anos unha oportunidade para os novos emprendedores” e tamén para a cohesión das vilas e cidades galegas.

O conselleiro de Economía estivo acompañado no acto de peche de As Compras na Túa Vila Teñen Premio do presidente da Federación Galega de Comercio e da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas; da súa homóloga no CCU de Monforte, Mª José Senra; do alcalde de Monforte, José Tomé; e de varios responsables de Abanca.

Pola súa banda, a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, foi a encargada de pechar a campaña que se desenvolveu en Melide entre os días 9 e o 20 de maio, e na que se recolleron 16.800 boletos

A Praza do Convento desta vila coruñesa quedou pequena para acoller ó numeroso público que se concentrou para asistir ás actividades de animación e ó sorteo final. Durante o acto, a directora xeral de Comercio apelou aos consumidores a “seguir apoiando ó comercio de proximidade” e felicitou aos comerciantes polo éxito da iniciativa.

O presidente da Federación Galega de Comercio acompañaba neste caso á directora xeral de Comercio; xunto co dirixente da asociación de comerciantes local Aetem, Manuel Vázquez; o presidente da Federación de Comercio de A Coruña, Miguel Agromayor; e representantes do Concello e de Abanca.