El Correo Gallego

Noticia 16 de 30 noticia anterior de Federación Galega de Comercio Galicia » Federación Galega de Comercio

Conde destaca o esforzo do comercio galego de proximidade por adaptarse aos novos hábitos de compra

A Xunta acompaña o esforzo cun plan estratéxico de impulso

R. P.   | 28.11.2015 
A- A+

Recentemente celebrouse en Santiago de Compostela unha xornada na que se trataron distintos aspectos como a innovación e as novas tecnoloxías, organizada pola Federación Galega de Comercio no seu 30 aniversario. Durante a mesma interviu o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, o cal destacou o esforzo do comercio galego de proximidade por adaptarse ás novas realidades e aos novos hábitos de compra do consumidores. Sinalou, ademais, que para acompañar o esforzo, a Xunta ten en marcha o Plan Estratéxico de Impulso do Comercio de Galicia 2015-2020, que conta coas achegas do sector. Lembrou Francisco Conde que dito plan ten entre os seus obxectivos incrementar nun 15 % os emprendedores que traballan no comercio galego, así como triplicar a porcentaxe de establecementos que venden na rede, alcanzando o 14 %. Tamén cre necesario incrementar nun 10 % o número de comercios que se asocian para competir. O responsable de Economía da Xunta de Galicia, Francisco Conde, detallou o Plan, o cal se centra en tres retos: a mellora da competitividade, afianzando un comercio actual e xerador de riqueza; o smart commerce, ao que se destina un 40 % dos recursos do plan, avanzando nun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ó cliente no centro da súa estratexia; e a potenciación do comercio excelente, traballando na dinamización comercial e na procura da mellora continua do servizo.

No transcurso da súa intervención, Conde sinalou tamén o comercio galego de proximidade é consciente do reto que supón a presenza en internet e nas redes sociais, e neste sentido lembrou que preto de 1.000 comerciantes e artesáns galegos participan este ano no programa para impulsar o smart commerce e o comercio en liña activado pola Consellería. Para remtar, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, apuntou que unha das principais vantaxes competitivas do sector comercial galego é o seu tecido asociativo, e destacou que a colaboración co asociacionismo comercial é unha constante na estratexia de apoio ao sector polo papel clave que xogan os centros comerciais abertos, asociacións e federacións.