El Correo Gallego

Noticia 31 de 163 noticia anterior de Galicia ambiental Galicia » Galicia ambiental | noticias@galiciaambiental.org

galicia natural

A Serra da Cova da Serpe, fronteira natural entre A Coruña e Lugo

Trátase dun pequeno cordal montañoso situado no interior de Galicia e que serve de fronteira natural entre as provincias de A Coruña e Lugo, delimitando os concellos de Sobrado dos Monxes e Curtis (na parte coruñesa) e de Friol e Guitiriz (na lucense). Forma parte da coñecida como Dorsal Galega na que se atopan tamén, en dirección Norte-Sur, os Montes de Cornos do Boi e a Serra do Careón.

10.12.2010 
A- A+

A T erneira G alega é u nha d as c onstantes n as e xplotacións d e gando das comarcas limítrofes coa Serra da Cova da Serpe

Este espazo natural, que alcanza a súa máxima altitude no pico da Cova da Serpe, con 841 metros sobre o nivel do mar, conta cun alto valor paisaxístico e é fonte de numerosas lendas, nas que dragóns, gnomos e xóvenes amantes se converten en protagonistas das historias baseadas neste fermoso lugar. A auga é outro dos elementos característicos deste espazo natural, representado por ríos como o Mandeo, na parte coruñesa, ou o Parga e o Narla, tributarios do Miño, na provincia de Lugo. As turbeiras e as formacións  arbóreas de castiñeiros e carballos conforman a flora da Serra da Cova da Serpe mentras que a fauna está dominada polas especies de caza, de aí que esta sexa unha zona cunha importante actividade cinexética.  

Os parques eólicos, ó igual que noutros moitos cumios galegos,  son o principal risco ambiental deste espazo natural  do interior de Galicia. Os aeroxeneradores que ocupan boa parte da cordada da Serra supoñen un forte impacto ambiental e paisaxístico con consecuencias negativas para o seu ecosistema.

As fermosas vistas que se obteñen dende o alto da Cova da Serpe constitúen unha das nosas principais recomendacións á hora de achegarse ata esta zona do interior de Galicia. Ademais, na visita a este espazo natural é punto de parada obrigatorio o Mosteiro Cistercense de Santa María de Sobrado, no concello coruñés de Sobrado dos Monxes, onde tamén se atopa o dolmen de Moruxosa ou do Forno dos Mouros, a Mámoa da Pena da Moura ou o campamento romano de A Ciadella. Tamén no concello lucense de Friol son numerosos os xacementos castrenses como os de Seoane, Gudín ou Enxeito, así como os petroglifos e os túmulos que, xunto cos pazos, hórreos ou muiños son outra constante na comarca. Ademais, no referido ó patrimonio natural, o Lago de Sobrado, xunto cos cursos dos ríos Mandeo ou Parga son outros dos lugares de interese recomendados na visita á Cova da Serpe.  

Chegar: a estrada N-547, que une a vila de Arzúa con Lugo, lévanos ata Melide, dende onde a través da AC-840 chegaremos ata o Concello de Sobrado para acceder ata a zona da Serra.

Comer: as carnes, principalmente a Terneira Galega, e os peixes de río como as troitas son algúns dos produtos máis representativos da zona. Pero sen dúbida o queixo, pertencente á Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, ou o pan de Ousá, que conta cunha feira propia no concello lucense de Friol, son os máximos expoñentes da súa gastronomía.

Aloxamento: as casas de turismo rural, abundantes tanto na parte coruñesa como na lucense, son a nosa recomendación para hospedarse na zona e desfrutar da visita a esta Serra do interior galego.