El Correo Gallego

Noticia 30 de 163 noticia anterior de Galicia ambiental Galicia » Galicia ambiental | noticias@galiciaambiental.org

Galicia Natural

As Gándaras de Budiño, a chaira do val do Louro

Este espazo natural está enmarcado no val do río Louro, no sudoeste da provincia de Pontevedra, nos concellos de O Porriño, Salceda de Caselas e Tui

17.12.2010 
A- A+

Trátase dunha zona pantanosa de máis de 800 hectáreas de superficie que foi declarada Lugar de Importancia Comunitaria, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Refuxio da Fauna.

As Gándaras están formadas por unha chaira delimitada ó oeste pola Serra do Galiñeiro e ó leste polos montes graníticos do Porriño e, dadas as súas características xeográficas, nas épocas de máis chuvia é usual que sofra asolagamentos que dan lugar á formación de pequenas lagoas de escasa profundidade.

A vexetación característica, principalmente de tipo acuático, está dominada pola formación de turbeiras e uceiras húmidas. Tamén cabe destacar a importancia dos bosques de ribeira, polo seu bo estado de conservación, cunha importante presenza de árbores como o salgueiro.

No que respecta á fauna, as Gándaras de Budiño son un importante refuxio para determinadas especies, sobre todo avifauna e, especialmente, da familia das anátidas. Son de destacar as poboacións de caracol, de vacaloura, de píntega rabilonga ou de sapoconcho europeo, única en Galicia xunto coas dos ríos Tea e Arnoia. A cerceta ou a garza son algunhas das aves máis significativas con presenza neste espazo natural. Entre os mamíferos cabe destacar as lontras, os morcegos ou a toupeira da auga.

Ver: a nosa recomendación pasa pola visita ás numerosas áreas naturais e recreativas que existen nesta zona, como as de Espicho do Faro ou Rubindo, no concello de Salceda de Caselas, e o Monte Castelo ou a Risca, no do Porriño, dende as cais se obteñen unhas fermosas vistas panorámicas dos vales do Louro e do Miño, así como da Serra do Galiñeiro. Ademais, o faro de Budiño, ó que se pode chegar a través de varias rotas de sendeirismo é outro dos lugares que non se deben deixar de coñecer na nosa visita ás Gándaras de Budiño. O Parque Etnográfico dos muíños do Río Caselas, no concello de Salceda, permitiranos coñecer de primeira man ó longo dun percorrido de arredor de 2 km. a historia de cada unha destas antigas edificacións. A visita á vila de Tui, impoñente conxunto histórico entre o que cabe destacar a súa catedral, é outro dos puntos de parada obrigada.

Chegar: a mellor opción é a AP-9 dende a cal se accede á A-55 en dirección Tui-Portugal. A través da saída 168, á altura do polígono industrial tudense da Granxa, cóllese o desvío cara a As Gándaras.

Comer: dado que este espazo natural se enmarca nun val fluvial teñen unha gran importancia os produtos de río como as angulas ou as lampreas que, xunto coas carnes e pratos típicos da comarca, como os callos, ou o afamado pan do Porriño son os principais referentes da gastronomía da zona.

Aloxamento: existe unha importante oferta hosteleira na zona na que as casas rurais, máis abundantes no concello de Tui, son a nosa recomendación para facer noite preto deste espazo natural da provincia de Pontevedra.