El Correo Gallego

Noticia 32 de 163 noticia anterior de Galicia ambiental Galicia » Galicia ambiental | noticias@galiciaambiental.org

galicia natural

A costa de Ribadeu, Galicia con sabor a sidra

Trátase dun espazo situado ó nordeste da provincia de Lugo, no concello de Ribadeo, lindando coa veciña comunidade de Asturias. Este tramo costeiro do Cantábrico inclúe espazos de importante valor natural como a Ría de Ribadeo ou a Praia das Catedrais, que reúnen numerosas figuras de protección como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, Zona de Especial Protección para as Aves, Zona Húmida Protexida, Lugar de Importancia Comunitaria, Zona Ramsar ou Monumento Natural.

03.12.2010 
A- A+

A Praia das Catedrais, o monumento natural de referencia da Mariña Lucense

Trátase dunha zona de costa de cantís baixos, onde co paso do tempo o mar foi dando forma ás rochas e creando impresionantes monumentos como no caso da praia de As Catedrais, que toma o seu nome da impoñencia das grandes rochas que conforman este fermoso areal. As furnas e covas mariñas son outra das constantes deste tramo litoral galego. As plantacións comerciais de eucaliptos, unha constante en toda a franxa norte da costa galega, constitúe tamén no caso de Ribadeo un dos maiores riscos ambientais para a súa biodiversidade

Os pasteiros, as uceiras e matogueiras son a principal vexetación nesta zona, onde predominan as uces e os toxos. A herba de namorar ou a acelga salgada, especie en perigo crítico de extinción segundo o Libro vermello da flora vascular ameazada de España, xunto con algunhas árbores de ribeira completan a flora do lugar.

En canto ós animais, a Ría de Ribadeo ten unha gran importancia par as aves, especialmente as anátidas, onde destacan as poboacións de asubiador e de pato rabilongo. O mergullón de pescozo negro, o bilurico escuro, o virapedras, o pilro escuro, o mazarico real ou as lavercas son outros dos paxaros con maior presenza na costa de Ribadeo. Tamén teñen especial importancia os anfibios, onde destacan especies como a lagarta galega, o lagarto das silveiras ou a lagarta da serra, con gran presenza no LIC As Catedrais.

Ver: a costa ribadense ofrece numerosos espazos dignos de visitar e coñecer como as súas impresionantes praias, entre as que destaca As Catedrais, pola maxestuosidade das impoñentes rochas que a conforman e das furnas e covas mariñas ás que se pode acceder coa marea baixa. As Illas, Esteiro ou Os Castros son outros dos areais máis representativos da zona, xunto coa fermosa Ría de Ribadeo. Outra das nosas recomendacións é a visita ó pobo de Rinlo, destacado nos seus tempos pola importancia do seu porto na actividade baleeira e que conta cunha das confrarías de pescadores máis antigas de Galicia. A ruta dos miradoiros, como o da Atalaia, o Cargadoiro, a Illa Pancha ou o miradoiro de Santa Cruz permitirannos desfrutar dunhas fermosas vistas sobre diferentes zonas deste concello mariñeiro. O paseo marítimo, o porto deportivo ou a propia vila de Ribadeo, con fermosas construcións como a famosa Torre dos Moreno, son outros dos lugares que non se deben deixar de visitar.

Chegar: a estrada N-634, dende Santiago de Compostela, ou a N- 640 dende Lugo, son as mellores opcións para chegar ata estes fermosos espazos naturais.

Comer: os peixes de mar e os mariscos son a mellor representación da cociña desta zona da Mariña lucense, con produtos máis destacados como os percebes de Rinlo, que contan cunha festa propia nesta parroquia.

Aloxamento: o concello de Ribadeo conta cunha ampla oferta de hoteis, pensións e casas de turismo rural, tanto na vila capital municipal como no resto de parroquias, que supoñen unha boa opción para facer noite.