Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia » Galicia ambiental| noticias@galiciaambiental.org
![]() |
Despois de arredor de 97 quilómetros de percorrido, desemboca no río Sil, do que é o seu principal afluente, moi preto de Montefurado.
Trátase dun río único en Galicia polos terreos polos que discorre e o gran desnivel que salva entre o seu nacemento e a desembocadura, formando abruptos paisaxes e espectaculares canóns.
Os ríos Camba, Conso, San Miguel, Navea e Xares son os seus principais afluentes. O Bibei é un dos ríos galegos máis aproveitados pola industria hidroeléctrica e conta con varios encoros construidos no seu curso: o de Vao e o de Montefurado. A troita é a especie dominante deste río, no que tamén habitan outras como a carpa, a perca, a anguía ou a boga. Na actualidade, a pesca no río Bibei practícase principalmente nos encoros, sendo a troita a especie máis común.
Os problemas ambientais deste curso fluvial veñen dados polos aproveitamentos hidroeléctricos construidos no seu leito. O incumprimento do caudal ecolóxico ou a falta de escalas para as especies migratorias son algunhas das principais causas do seu deterioro e das consecuencias negativas que eso conleva para a súa biodiversidade. A esto hai que sumar as verteduras que contribúen a que baixe a calidade das augas do Bibei e fan máis difícil a súa conservación.
Ver: no curso alto, as minas romanas de Viana do Bolo e a súa Torre da Homenaxe, onde está o museo etnográfico, ou o Castelo do Bolo e o santuario de As Ermitas son algúns dos lugares de maior interese. A Fortaleza Medieval de Manzaneda ou a Torre dos Barcia (as dúas no concello de Manzaneda), xunto co Mosteiro de Sobrado de Trives, no municipio de Pobra de Trives, son outras das nosas recomendacións á hora de achegarse ata esta parte da provincia ourensá. Ademais, a estación de esquí de Manzaneda é outro dos seus maiores atractivos: aberta todo o ano, en inverno é un lugar idóneo para desfrutar da neve e dos deportes que nela se practican mentras que o resto do ano é un sitio perfecto para vivir a natureza en estado puro. Xa na desembocadura do río é visita obrigada Montefurado, na provincia de Lugo, un túnel furado na propia montaña polos romanos no século II, en tempos do Emperador Trajano, para desviar o río Sil e poder extraer o ouro que este arrastraba pola súa conca orixinal. Esta obra de enxeñería romana constitúe hoxe en día un dos lugares con máis encanto de Galicia.
Chegar: a estrada provincial OU-533 é a mellor opción para achegarnos ata este río, facilitando o acceso a toda a súa conca. Para chegar directamente ata a desembocadura, a N-120 é a mellor elección.
Comer: as carnes de caza, os derivados do porco (onde cabe destacar a androlla, típica dos concellos da conca alta do Bibei) e os peixes de río, como a troita, son algúns dos produtos máis representativos da cociña desta zona. Entre as sobremesas, a raíña indiscutible é a bica, típica das terras de Trives, xunto coas castañas ou o roscón.
Aloxamento: as casas de turismo rural, abundantes na maioría de concellos das ribeiras do Bibei, son unha das mellores opcións para facer noite preto do río e do seu fermoso entorno natural.
