Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia » Galicia ambiental| noticias@galiciaambiental.org
![]() |
Algúns dos seus principais afluentes son os ríos A Eireixa, Ribeira, Torres Vellas e Barocas.
O Landro nace na Serra do Xistral, que forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño e é un dos espazos naturais máis destacables de Galicia. Na sua parte baixa, o río convértese nunha sucesión de meandros e forma un pequeno humidal que foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), cunha grande riqueza de fauna e vexetación, principalmente masas de eucaliptos, entre as que destaca o Souto da Retorta (Monumento Natural). No seu percorrido polos concellos de Viveiro e Ourol, o Landro atravesa o Val do Naseiro, famoso pola romaría que acolle a finais do mes de agosto, coñecida como “Romaxe do Bo Xantar” e declarada festa de Interese Turístico Nacional.
A troita, o reo e o salmón son as principais especies fluviais do Landro, que ten varios coutos de pesca como o de Viveiro (pertencente ós municipios de Ourol e Viveiro), dividido en cinco lotes, e onde a pesca de reo e troita é a dominante. Ademais, ten outro couto troiteiro no concello de Ourol, o de Xerdiz, compartido cun dos seus afluentes, o Xanceda.
No capítulo de riscos ambientais cabe destacar as verteduras de tipo residual de pequenos núcleos de poboación e explotacións agrogandeiras con escaso saneamento, xunto coas plantacións masivas de árbores foráneas como o eucalipto. A colonización por parte desta especie arbórea con fins comerciais convértena case no único aproveitamento forestal en miles de hectáreas, desprazando así as especies autóctonas.
Ver: o Souto da Retorta, tamén chamado Eucaliptal de Chavín e declarado Monumento Natural galego, é unha das nosas principais recomendacións. Trátase dun bosque de eucaliptos situado na marxe dereita do río Landro e conformado por exemplares de grandes dimensións e lonxevidade. Un dos máis destacables, coñecido como “O avó” pola súa lonxevidade, está considerado a árbore máis grande de España polo seu volume de madeira. A Serra do Xistral, na zona do nacemento do río; as fervenzas como a do Salto do Can, no propio espazo natural de Chavín, ou a do Pozo da Ferida, tamén no concello lucense de Viveiro; o casco histórico desta vila lucense, declarado Conxunto Histórico-Artístico; e a ría viveirense son outros dos lugares que non se debe deixar de visitar.
Chegar: a estrada provincial LU-540 (que une Xermade e Viveiro) é a mellor opción para chegar ata este curso fluvial xa que discorre paralela ó río dende o seu nacemento ata a súa desembocadura, permitindo o acceso a calquera punto da súa conca.
Comer: os peixes de río (como a troita e o reo) e de mar, xunto cos mariscos son os produtos máis representativos da gastronomía desta zona, con pratos típicos como as navallas ó lambe-lambe ou o bonito en rolo. Na conca alta do Landro destacan tamén as carnes, tanto de porco como de terneira e de caza. En canto ós postres, a Torta de Viveiro, feita con améndoa e cabelo de anxo, as chulas ou os amendoados son algúns dos máis afamados.
Aloxamento: existe unha ampla oferta hoteleira na zona, con numerosos hoteis, pensións e casas rurais, principalmente na zona da desembocadura, que ofrecen aloxamento de calidade á par que a posibilidade de desfrutar da natureza e dos lugares de interese deste curso fluvial.
