Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia » Galicia ambiental| noticias@galiciaambiental.org
![]() |
Nos seus case 60 quilómetros de percorrido atravesa os municipios de Forcarei, Cerdedo, Campo Lameiro, Cotobade e Pontevedra. O Salgueiro, o Cabaleiros, o Grande, o Castro, o Quireza, o Meneses ou o Almofrei son algúns dos seus afluentes.
A Serra do Candán, lugar de nacemento deste curso fluvial pontevedrés, é un dos espazos naturais máis representativos do centro de Galicia. Situado entre as provincias de Pontevedra e Ourense, na coñecida como Dorsal Galega, está declarado Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) pola importancia ecolóxica da variada biodiversidade que alberga. O propio curso baixo do Lérez conta tamén con esta última figura de protección.
O salmón, o reo, a troita, a anguía, o cacho e a solla son as especies presentes nas súas augas. Este río tivo unha gran importancia na recuperación do salmón en Galicia durante a pasada década ó poñer en marcha unha experiencia pioneira en Europa para a cría de salmón en cautividade, no Centro Ictioxénico de Carballedo, co obxectivo de recuperar as poboacións salmoneiras. No seu curso existen cinco coutos de pesca; Bora, Forcarei, Cerdedo e Cutián, todos eles troiteiros, e o máis próximo o mar, o de Monteporreiro, onde o salmón é a especie maioritaria.
No capítulo de riscos ambientais, as verteduras convértense unha vez máis nun dos principais focos de contaminación das súas augas, sobre todo no curso baixo e na súa desembocadura, onde recibe as augas residuais de parte da cidade de Pontevedra. Non obstante, o furtivismo, moi extendido tamén na desembocadura do Lérez, segue a ser a maior ameaza para a saúde ambiental deste río.
Ver: no curso alto, a visita á Serra do Candán a través das diferentes rutas de sendirismo que a percorren, para coñecer lugares como o alto de San Benito que ofrece fermosas vistas das comarcas de Deza e Terra de Montes é unha das nosas principais recomendacións. Ademais, no concello de Forcarei é visita obrigada o Mosteiro de Aciveiro, considerado Monumento Histórico Artístico dende o ano 1931 e Ben de Interese Cultural. Os petroglifos de Campo Lameiro, coñecido como a capital da arte rupestre, ou de Cotobade, xunto coas áreas recreativas e fluviais do curso medio do Lérez son outros dos lugares de maior interese. Xa na conca baixa, preto da súa desembocadura, destaca o mosteiro benedictino de San Bieito de Lérez, no concello de Pontevedra e onde cada 11 de xullo se celebra a multitudinaria romaría na súa honra, ou o casco antigo desta fermosa cidade.
Chegar: pola estrada que une Lalín e Pontevedra, a PO-534, accederemos facilmente á zona do nacemento do río. Para chegar ó seu curso medio e baixo a mellor opción é a estrada N-541, que une as cidades de Pontevedra e Ourense, atravesando algúns dos concellos polos que discorre o Lérez, ou a N-550 que nos leva dende Santiago ata Pontevedra.
Comer: os peixes de río como a troita ou salmón son algúns dos manxares máis destacables da cociña das ribeiras do Lérez. Ademais, as carnes de porco e de caza son o principal produto da gastronomía da zona alta e media do curso fluvial, con pratos típicos como a carne ó caldeiro ou a richada, que ten unha festa propia no concello de Forcarei. Os mariscos da ría de Pontevedra ou os postres como as filloas, o requeixo ou o queixo con marmelo completan a súa carta gastronómica.
Aloxamento: A nosa principal recomendación é un dos monumentos máis representativos desta zona; o Mosteiro de Aciveiro. Restaurado e convertido en hostal-monumento é o lugar idóneo para facer noite e partir a coñecer este río. As casas de turismo rural dos concellos da conca alta e media completan a oferta.
