Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia » Galicia ambiental| noticias@galiciaambiental.org
![]() |
Neste último tramo, o río serve de fronteira ó longo de varios quilómetros entre Galicia e Portugal e volve a atravesar terras e concellos cunha forte tradición vitivinícola, onde se cultivan caldos tan afamados como os do Ribeiro (na zona de Castrelo do Miño, Ribadavia e Cortegada) ou, xa preto da súa desembocadura, os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, onde se atopan algunhas das mellores bodegas e marcas de viño en zonas como O Condado, O Rosal ou o Baixo Miño.
Algúns dos seus afluentes máis importantes neste tramo son o Sarria, o Barbantiño, o Avia, o Arnoia, o Deva, o Tea ou o Tamuxe. Na entorno da cidade de Ourense, o río recibe ademais numerosos regatos de augas mineromedicinais. Dende a presa dos Peares ata a desembocadura, o Miño convértese practicamente nun curso de augas mansas como consecuencia dos outros dous encoros construidos no seu cauce: o de Velle, antes da cidade de Ourense, e o de Castrelo, convertido nun auténtico mar interior onde incluso existe un clube náutico (concello de Castrelo doMiño) no que se poden practicar diversos deportes como a vela.
As especies presentes nas súas augas son a troita, o salmón, o reo, a lamprea, a anguía, a angula, a saboga, o sábalo ou o balck-bass. Cabe destacar que aquí o couto salmoneiro de Frieira, no concello ourensá de Padrenda, é o de maior importancia. Sen embargo, factores como os encoros ou a pesquería profesional de salmóns autorizada no tramo baixo do río fan dificultan o remonte de especies migradoras e están favorecendo a desaparición de peixes como a anguía, a angula ou o salmón. As verteduras procedentes de cidades e zonas industrializadas son outro dos riscos ambientais que soporta o río.
Ver: a cidade de Ourense, coñecida pola súa fonte de auga mineromedicinal das Burgas ou a zona vitivinícola do Ribeiro son algunhas das nosas recomendacións. Xa na parte pontevedresa, a localidade de Tui e o seu entorno, a partir do cal o Miño se fai navegable e se convirte en lugar axeitado para a práctica de deportes como o esquí acuático, o piragüismo ou outras modalidades de remo, son outros dos atractivos da zona. Preto da súa desembocadura, é visita obrigada o Parque Natural Monte Aloia, tamén no concello de Tui, ou o poboado castrexo de Santa Tegra, en A Guarda, dende o cal se poden obter espectaculares vistas da chega do Miño ó mar.
Chegar: a estrada N-525 ou a AP-53, que conducen ata a cidade de Ourense, son algunhas das opcións para achegarnos ó Miño ó paso por esta provincia. Para acceder á súa desembocadura, a AP-9 lévanos ata Tui e dende alí tamén poderemos acceder ata A Guarda a través da estrada provincial PO-552.
Comer: os peixes de río como o salmón ou as angulas, capturadas dende embarcacións especiais a ambos os dous lados da “raia” e á que se lle adica unha festa no concello de Tui, son algúns dos produtos máis destacados da conca media e alta do río. Ademais, os viños do Ribeiro e da D.O. Rías Baixas convértense nun dos mellores acompañamentos para estes manxares.
Aloxamento: os concellos deste tramo do Miño contan cunha importante oferta hoteleira e de casas rurais, sobre todo os que se atopan preto da súa desembocadura, que son a mellor opción para facer noite.
