Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia » Galicia ambiental| noticias@galiciaambiental.org
![]() |
No seu percorrido de máis de 130 quilómetros de lonxitude atravesa numerosos municipios coruñeses como os de Sobrado, Curtis, Vila-santar, Boimorto, Mesía, Frades, Arzúa, O Pino, Oroso, Ordes, Trazo, Tordoia, Santiago de Compostela, Val do Dubra, Ames, A Baña, Brión, Negreira, Outes, Mazaricos, Noia e Lousame. O Dubra e o Barcala son os seus principais afluentes e o encoro Barrié de la Maza a única presa construida no seu leito.
A troita é a especie raíña do Tambre, xunto co reo. Pese a que no século pasado este río contaba cunha presenza importante de salmón e de lamprea, hoxe en día somentes se rexistran escasas entradas de salmóns erráticos procedentes do Ulla, xa que o encoro fixo desaparecer estas especies do seu curso. Algúns dos coutos de pesca máis significativos son o de Noia, ondeo reo é a especie predominante, e o de Pontemaceira (concellos de Ames, A Baña e Negreira), de pesca intensiva. Os coutos de Chaián e Sigüeiro foron paradigmas da pesca da troita anos atrás, pero hoxe atópanse en declive polos numerosos episodios de contaminación.
Os principais problemas ambientais que se rexistran no seu leito veñen dados polo encoro Barrié de la Maza que dende os anos 70 provocou a desaparición de especies migradoras como o salmón e a lamprea. Ademais, as augas doTambre presentan uns niveis de pureza moi baixos, segundo un estudo encargado polo Clube de Pesca Tambre á Estación Hidrobiolóxica do Con, debido en boa parte á contaminación provocada pola turbina da presa. O feito de que o río atravese numerosos municipios de carácter rural, fai que as verteduras sexan outro dos seus maiores problemas neste ámbito, provocando o deterioro do seu curso.
Ver: a área recreativa e a praia fluvial de Chaián, en Santiago de Compostela, na que se aproveitaron as vellas infraestruturas dun muíño, constitúe unha das nosas principais recomendacións. Pontemaceira, no concello de Ames, é outro dos lugares de visita obrigada na conca do Tambre. Neste lugar cabe destacar a ponte medieval, de base romana, así como o poboado, tamén do Medievo, o muíño ou a presa construidas sobre o leito do río. A vila de Negreira, onde destacan os numerosos pazos e casas señoriais, como o Pazo do Cotón, é outra das nosas recomendacións na visita a esta zona. Xa na parte baixa do río, na súa desembocadura, o lugar de Ponte Nafonso, famoso pola súa inmensa ponte, e a vila de Noia son outras das paradas obrigatorias no curso do Tambre.
Chegar: a N-634 levaranos ata aparte alta do río e a zona do seu nacemento, mentras que para acceder á parte media e baixa do Tambre as mellores opcións son a estrada N-550, que une Santiago e A Coruña, ou a autovía AG-56 pola que se chega ata Noia, lugar de desembocadura deste curso fluvial.
Comer:os peixes de río como as troitas, que teñen unha festa propia na localidade de Sigüeiro, ou os reos son algúns dos manxares máis característicos da conca fluvial do Tambre. Ademais, produtos como as carnes de porco e de terneira ou postres como o queixo e as filloas son outros dos máximos expoñentes da súa gastronomía.
Aloxamento: en todos os concellos polos que discorre este curso fluvial existen numerosas casas de turismo rural que son a nosa recomendación para facer noite e poder desfrutar do Tambre e os seus arredores.
