Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia » Galicia ambiental| noticias@galiciaambiental.org
![]() |
Serve de fronteira entre as provincias de Lugo e A Coruña en boa parte dos seus 49 quilómetros de percorrido, regando as terras de Muras, Ourol e O Vicedo, na parte lucense, e de Mañón, na coruñesa. Desemboca no Mar Cantábrico, formando a Ría do Barqueiro, entre Estaca de Bares e O Vicedo.
Moi preto da desembocadura do Sor atópase Estaca de Bares, o punto máis setentrional de Península Ibérica que marca a división xeográfica entre o Océano Atlántico e o Mar Cantábrico. Este espazo natural situado ó norte da provincia da Coruña está declarado Lugar de Interese Comunitario, Zona de Especial Protección para as Aves e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais pola súa gran riqueza natural e faunística, destacando a presenza de numerosas aves mariñas.
Os seus afluentes, entre os que destaca o río Tras da Serra, drenan a ladeira occidental da Serra do Gañidoiro. Nas súas augas hai presenza de reo, troita e anguía, principalmente. Hai xa máis dunha década que non se aprecia a entrada de salmón neste curso fluvial. O Sor conta con dous coutos de pesca de reo: o de Ribeiras (concellos de Mañón e O Vicedo), onde se pesca de noite e utilizando o risco, e o de Segade (que pertence ós municipios de Mañón, Ourol e O Vicedo). Trátase dun dos ríos de reo galegos mellor considerado polos amantes da pesca.
O estado de conservación do Sor é realmente bo, polo enclave plenamente natural no que se atopa preservando as súas augas de problemas ambientais como as verteduras contaminantes, tan frecuentes en outros moitos ríos galegos.
Ver: na conca alta, no concello de Muras, é obrigada a visita á Serra da Gañidoira polas súas impresionantes vistas dende diferentes miradoiros. As ribeiras deste curso fluvial son outro dos seus maiores atractivos con áreas recreativas como a de Augas Caídas, en Mañón, onde se pode observar un espectacular salto de auga e obter fermosas vistas do Sor dende o miradoiro de Couce. Xa na desembocadura, Estaca de Bares é un dos lugares que non se debe deixar de coñecer por ser un dos espazos naturais máis destacables de Galicia e onde poderemos coñecer a súa enorme riqueza faunística dende o Observatorio de Aves. Ademais, as vilas de O Barqueiro e O Vicedo (na propia desembocadura) e a cercana de Ortigueira, que esta fin de semana celebra o seu famoso Festival Celta, son outras das nosas recomendacións.
Chegar: as estradas LU-540 e a AC-862 permitirannos chegar, a través de estradas locais, ata a conca alta e a desembocadura do Sor, respectivamente, facilitando o acceso ós principais nucleos de poboación desta conca fluvial.
Comer: os peixes de río, nomeadamente o reo; os mariscos, entre os que destaca a coquina, unha famosa especie de ameixa que ten unha festividade propia no concello de O Vicedo; ou as carnes, tanto de porco como de terneira e incluso de caza, nos concellos da conca alta, son os produtos máis representativos da gastronomía da zona.
Aloxamento: as casas de turismo rural existentes en todos os concellos que atravesa este curso fluvial son a mellor opción para facer noite e coñecer o entorno natural que o rodea.
