Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia » Galicia ambiental| noticias@galiciaambiental.org
![]() |
O Xallas, con arredor de 65 quilómetros de lonxitude, é un dos ríos galegos con maior presión dende o punto de vista hidroeléctrico polos numerosos aproveitamentos construidos no seu curso.
A Fervenza de Ézaro ou Cascada do Xallas é un dos espectáculos máis fermosos da natureza galega: a desembocadura dun río no océano en forma de salto de auga en caída libre dende algo máis de 100 metros de altitude. Sen embargo, ata a semana pasada os aproveitamentos hidroeléctricos construidos no seu cauce non permitían desfrutar dela agás nas épocas de maior demanda turística e con horario restrinxido, o resto do ano a auga chegaba ó mar a través das canalizacións da propia presa de Santa Uxía. Dende hai uns días Ézaro volve a ter auga, aínda que só en cantidade reducida, o 10% do caudal medio do río, denominado “caudal ecolóxico”, como manda a lei.
Os seus principais afluentes son o Abuín e o Beba, cos que comparte os seus dous coutos de pesca. A especie con maior presenza nas súa augas é a troita, aínda que tamén hai exemplares de escalo. O couto de Santa Comba (no concello do mesmo nome) e o de Xallas (Dumbría e Mazaricos), no que se practica a pesca sen morte, son os únicos deste curso fluvial. O Xallas destaca polo seu gran poder de rexeneración e unha das súas curiodidades é que, segundo a experiencia dos pescadores, requírese mal tempo para que a práctica deste deporte sexa fructífera.
En canto ós riscos ambientais, a presenza de dúas grandes presas como a da Fervenza e a de Santa Uxía xunto coas numerosas minicentrais eliminan a práctica movilidade da súa riqueza piscícola, que se centra na parte alta da conca e no encoro da Fervenza. A empresa Ferroatlántica, propietaria de todos estes aproveitamentos, utiliza esta presa para regular o caudal da de Santa Uxía e mantela sempre chea, xa que é a que permite a produción eléctrica. Consecuencia desta práctica son as continuas variacións de caudal, con enormes riscos para a biodiversidade fluvial, e que no ano 2007 provocaron que o encoro da Fervenza quedase practicamente seco coa consecuente morte masiva de troitas, dando lugar á maior traxedia medioambiental en augas continentais que se recorda en Galicia.
Ver: o entorno da desembocadura do Xallas posúe unha enorma riqueza natural e paisaxística e é recomendable a visita ó monte Pindo, no concello de Carnota, dende o que se poden obter impresionantes vistas desta zona costeira. A propia Fervenza do Ézaro é outro dos lugares de visita obrigada no curso do río Xallas, xunto co entorno natural da presa da Fervenza. Ademais, a ponte romana da Brandomil, en Zas, ou o xacemento arqueolóxico de Pedra da Arca, no concello de Malpica de Bergantiños, son outras das nosas recomendacións.
Chegar: a estrada AC-546 lévanos ata a conca media do río e o entorno do encoro da Fervenza. Para a zona de desembocadura, a AC-550, que discorre ó longo da franxa costeira, é a opción máis recomendable.
Comer: os produtos de río como a troita, os mariscos e peixes de mar ou a carne de vacún son algúns dos manxares máis representativos da gastronomía da ribeira do Xallas. Canto ós doces, cabe destacar postres como as filloas ou as orellas, típicos do Entroido.
Aloxamento: as casas de turismo rural existentes nos concellos da conca baixa do río e na súa desembocadura son a mellor opción para facer noite e coñecer este fermoso curso fluvial.
