Viernes 13.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Gente y comunicación| sociedad@elcorreogallego.es
![]() |
| Nel Vidal, nun momento da súa intervención no Consello da Cultura |
Máis recursos, máis planificación e máis participación. Son as principais reivindicacións dirixidas á secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López que onte non asistiu aos XI Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega (CCG) e que rematan hoxe en Compostela.
Na primeira sesión dos Encontros aos que asisten máis de cen técnicos de servizos de normalización de toda Galicia, Nel Vidal -membro da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (do CCG) á vez que presidente da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL)- fixo balance da política lingüística de- senvolvida polo Bipartito galego nos últimos catro anos. Entre as conclusións, Nel Vidal sinalou que os avances en política lingüística "quedaron moi afastados das expectativas e das necesidades que había no ámbito da normalización". "Realmente estase a recuar", apuntou.
Vidal criticou que "unha das carencias máis graves detectadas é a da falta de organismos técnicos de planificación e de persoal especializado", o cal condicionou "a falta de planificación e a improvisación de accións" ao longo da lexislatura.
O mantemento de "practicamente a mesma estrutura, os mesmos recursos e as mesmas accións" no departamento que dirixe Marisol López fixo que "os avances en política lingüística fosen mínimos nesta lexislatura con respecto ás anteriores".
Segundo indicou Vidal, "aínda que os recursos destinados a política lingüística non foron os suficientes", os mesmos cartos "só destinados para a normalización poderían dar resultados ben distintos". Dende a Comisión tamén se criticou que "non se consideraron as demandas e propostas das propias entidades implicadas na normalización". Esa "unilateralidade na acción provocou unha fenda nada positiva entre Política Lingüística e outras entidades implicadas na normalización".
"Imprescindíbel"
Para a vindeira lexislatura, Vidal considerou "imprescindíbel a constitución do Consorcio para a Planificación Lingüística" -para o que a Xunta non destinou ningunha partida orzamentaria este ano, sen dar ningunha explicación- e tamén subliñou a necesidade de que a Xunta "destine un mínimo do 0,3% do seu orzamento total" a política lingüística. Vidal reclamou "un cadro de persoal técnico especializado máis amplo" e o impulso de "mecanismos de participación social".
O balance constata ano a ano a diminución da partida orzamentaria destinada pola Xunta a este departamento, de xeito que se no último executivo do PP en Galicia, en 2005, os fondos para Política Lingüística representaban o 0,23% do presuposto xeral da Xunta, en 2009, a porcentaxe baixou até o 0,17%. Unha baixada que se incrementa tendo en conta que se os totais da Xunta deste ano medraron no orzamento un 1,7%, os de Política Lingüística baixaron un 8,9%.
A herdanza da estrutura interna
Aínda que o informe salienta a transformación da anterior Dirección Xeral en Secretaría Xeral, dependente de Presidencia, indica que "a estrutura interna se mantén como a antiga". Un "continuísmo" que tamén se constata nas partidas destinadas a subvencións. Un feito que afectou aos Servizos de Normalización Lingüísticos (SNL) nos concellos. Así mesmo optouse por manter "aleatoriamente unha rede de lectorados na que a falta de planificación e a precariedade segue sendo liña xeral". Do mesmo xeito se considerou que os certificados do coñecemento do galego, os Celga, son unha "oportunidade desaproveitada" co criterio de "non crear problemas, de non molestar, de non provocar que o persoal da administración se vexa na obriga de formarse para atender á cidadanía, de evitar posíbeis conflitos" .
Os motivos da ausencia de López
Segundo fontes da Secretaría Xeral, a invitación para o Encontro "chegou tarde e era só para a inauguración", cando López xa tiña compromisos previos. Apuntan que "sendo un balance da política lingüística a lexislatura, non entendemos por que non se contemplou a participación dalgún representante de Política Lingüística" .
