Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Teresa Porto e José Manuel García Iglesias, onte durante a presentación dos datos sobre a Fundación FOTO: AGN |
A Fundación Caixa Galicia presentou onte, na súa sede de Santiago, o balance da súa actividade cultural nos últimos vinte anos, dúas décadas que observan a consolidación da entidade financeira como un dos principais motores das industrias culturais en Galicia. Así o sinalaron onte, en rolda de prensa, os responsábeis da Fundación -o director de Acción Social de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias, e a directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto- que, por riba dunhas cifras que amosan un crecemento sostido das súas actividades e investimentos, quixeron salientar a implicación da caixa de aforros na difusión da cultura galega. O propio García Iglesias, quen lembrou o "punto de referencia" que supón José Luis Méndez, falou da "mirada social" de Caixa Galicia, pois, asegurou, "non esquecemos que a cultura é parte da acción social desta Caixa". De feito esta cota cultural da Acción Social de Caixa Galicia -que nestes vinte anos se cifrou nun investimento de 223 mi- llóns de euros- observa un peso significativamente menor que as iniciativas de carácter socio asistencial, levadas ao cabo a través da Obra Social.
Teresa Porto foi a encargada de debullar as contas dunha Fundación que, desde 1989, desenvolveu 25.000 actividades culturais, acadando unha participación de 11,4 millóns de persoas, o que a converte, sinalou Porto, no "primeiro axente privado da cultura galega". Esas actividades estendéronse, segundo a directora da Fundación, ao "90 por cento da poboación galega", coa intención de "facer máis social a cultura e achegala á xente".
Trinta e tres millóns
As universidades galegas, nos últimos dez anos, captaron 33 millóns de euros dun investimento global, do que, á súa vez, se destinaron 12,25 millóns a formación, co resultado de 987 bolseiras e bolseiros. Ademais, máis de 500.000 nenas e nenos achegáronse á lectura a través da Biblioteca Clube 33, unha das primeiras iniciativas estábeis da Fundación Caixa Galicia.
Na súa intervención, Teresa Porto lembrou a importancia da colección de arte de Caixa Galicia, a máis significativa colección privada de arte -integrada por 1.500 pezas-, e lembrou a vantaxe de contar, na Coruña, cun almacén-depósito no que se garda a colección artística da Fundación e que facilitou os préstamos por parte de museos como El Prado ou o Museo Thyssen.
Outro capítulo de singular relevo é, segundo a directora da Fundación Caixa Galicia, o destinado á conservación do patrimonio, un total de 20,55 millóns de euros, nos que sobrancean traballos como a recuperación do Coro Lígneo da Catedral de Santiago, a rehabilitación das sedes da entidade ou o Fondo Bibliográfico Histórico, que se pode consultar na sede de Santiago, e que é, segundo Teresa Porto, "a segunda colección de incunábeis máis importante de Galicia, despois da da Universidade de Santiago".

Méndez ante a maqueta do Fraga
O Teatro-Cine Fraga de Vigo, para o ano 2010
Os espazos culturais -as diferentes sedes da Fundación nas cidades galegas-, son o buque insignia e a proxección cara á sociedade das actividades culturais da Fundación, sedes que -lembraba onte García Iglesias- tamén acollen outro tipo de actividades e iniciativas. Desde a apertura en 2000 da sede pontevedresa no antigo Café Moderno -un proxecto de restauración de Álvaro Siza- a Fundación Caixa Galicia foi espallando a súa presenza ao resto de cidades e vilas galegas. En 2001 en Monforte, en 2003 na actual sede de Santiago e en 2005 en Ferrol. Coa apertura en 2006 da nova sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña e das novas instalacións da Biblioteca Fundación Caixa Galicia no ensanche compostelán, e coa adhesión á rede de espazos do Teatro Colón da Coruña, a superficie de uso cultural de Caixa Galicia alcanzaría neste 2009 os 41.131 metros pendentes. Resta a incorporación, neste vindeiro 2010, á rede de espazos da Fundación, a ambiciosa restauración do histórico Teatro-Cine Fraga, levada a cabo polo arquitecto César Portela, e que vai dotar a cidade olívica dun novo e importante escenario .
Tempos virán e serán mellores
Grandes mostras como as dedicadas a Maruja Mallo -que aínda se pode visitar en Vigo- ou a Ruth Mathilda Anderson foron evocadas no transcurso dunha intervención na que José M. García Iglesias lles restou importancia aos efectos que sobre a actividade da Fundación tería a virtual fusión de Caixa Galicia cunha caixa galega ou foránea. "Somos a terceira obra social de España", lembrou García Iglesias, para quen o patrimonio, as infraestruturas e o servizo que lle presta a entidade "están aí e seguirán estando aí no futuro". As fusións, dixo, "non dependen de nós", pero "temos un proxecto de futuro a medio e longo prazo e sempre os tempos vindeiros serán mellores para o que faga Caixa Galicia no eido da cultura", concluíu. A curto prazo os obxectivos da Fundación son, sinalou, "manter o investimento para protexer o emprego cultural, aumentar a proxección da nosa cultura fóra de Galicia e mellorar a formación das mozas e mozos a través das bolsas" .
