Sábado 07.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Xoán Antón Pérez Lema, esquerda, Elías Torres e Miguel Anxo Seixas, na inauguración da mostra |
Xa foi vista por preto de 50.000 persoas por toda Galicia, pero a exposición O Himno. Os tempos son chegados ábrese agora no Claustro de Fonseca, próximo á catedral compostelá, co propósito de recibir uns 25.000 visitantes máis. Así o manifestaron onte o secretario xeral de Relacións Institucionais da Xunta, Xoán Antón Pérez Lema, e o vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago, Elías Torres. A exposición, organizada pola Vicepresidencia da Xunta, ten unha vocación didáctica e divulgativa, xa que "os galegos temos un déficit importante de coñecemento dos nosos símbolos nacionais", indicou Pérez Lema.
Así, ademais de conmemorar o centenario da primeira interpretación do Himno Galego na Habana, a mostra inaugurada onte proponse "crear autoestima e autocoñecemento, sen o que non pode haber unha loita polo futuro e unha proxección cara ao exterior".
Os trazos identitarios
O Himno. Os tempos son chegados fai fincapé nalgúns dos trazos da identidade de Galicia, a través da súa xeografía, arquitectura, personaxes históricos e representacións. Ao tempo, fai un percorrido pola construción dunha iconografía propia a través dos símbolos: a bandeira, o himno e o escudo.
O relato expositivo da mostra vai debullando en grandes paneis moi visuais algúns dos versos do poema de Pondal. Así, baixo as palabras Na costa verdecente, o visitante descobre o mapa máis antigo que reproduce a Galicia, o Metellus de 1595. No Confín dos verdes castros, que fala da nosa cultura, aparece a máis antiga representación de Callaecia como unha moza nun manuscrito de Oxford do século IX, así como a inscrición romana máis antiga conservada onde aparece o nome de Callaecia, probablemente do ano 1. Baixo o epígrafe Fogar de Breogán sae a imaxe máis antiga do Escudo de Galicia, de arredor de 1282, do College of Arms de Londres. Da confusión francesa de Galice con cáliz saíu o cáliz do escudo e, do seu fondo azul, probablemente a faixa azul da bandeira, nada arredor de 1890 como a letra e a música do Himno.
Noutras seccións da mostra trátase da lingua (A nosa voz pregoa); do Panteón creado en 1891 (Os bos e xenerosos); ou da bandeira (Non des a esquecemento) , coa reprodución da máis antiga de tea conservada na Real Academia Galega que acompañou o corpo de Curros dende A Habana ate á Coruña hai cen anos, en 1908. Co título O noso rouco son explícase a nosa tradición musical. Tamén a tradición galeguista queda reflectida en Nazón de Breogán. Finalmente co verso Desperta do teu sono achéganos á creación do Himno por iniciativa do músico Pascual Veiga. Da conxunción cos versos de Pondal nace o Himo, datado o 13 de xuño de 1890 na Coruña.
A imaxe propia
Nesta mostra ilustrativa vemos a imaxe de Galiza a través dos escultores, dos pintores e doutros creadores como Camilo Díaz Baliño, Castelao, Maside, Cebreiro, Gómez Román, Laxeiro, Díaz Pardo ou Miguel Anxo Prado, que deseña en exclusiva un Breogán. Eduardo Pondal e Pascual Veiga conseguiron crear un símbolo, o Himno Galego, que é recoñecido, respectado e valorado .
