Miércoles 22.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| A escritora Adela Figueroa |
María é muller, vida. Natureza. Que arela a luz, a esperanza da paz, o amor e a liberdade. Fronte á destrución e a morte. Fronte ao medo. María. Galiza é a súa terra. Un país no que a beleza pode conter a escuridade. Se hai valor. E ten que habelo.
María e Galiza son as protagonistas de Xanela aberta, o segundo poemario de Adela Figueroa, de Ediciós do Castro. A Galería Sargadelos de Pontevedra acollerá o 12 de setembro, ás 20.00 horas a presentación deste libro.
"É un honor que Ediciós do Castro conte comigo. Xa publicaran Vento de amor ao mar. Cada un ten as súas fidelidades, e eu quería que volvesen ser eles. Que fose Isaac Díaz Pardo, á quen admiro moito", dixo.
Figueroa é máis coñecida pola seu labor como docente e activista dos movementos ecoloxista e de renovación pedagóxica. Presidenta da Adega desde 2003, a súa inquedanza polo medio natural e pola xustiza social deixan a súa pegada nos seus poemas.
Xanela aberta estrutúrase en dúas partes. Os poemas, que aparecen intercalados con ilustracións de Celsa Sánchez, amosan unha sinxeleza no seu estilo e composición que conecta coa frescura das imaxes: preto, se cadra, do naïf. Do primixenio.
Baixo esta forma, albíscase un fondo de chamado á rebeldía. Á resistencia. Á procura da luz. "O libro está dedicado especialmente ás mulleres que, malia os avances, temos aínda que afirmarnos socialmente. As inercias educativas seguen a impedir que o que recollen as leis, que temos, se cumpra. E non me refiro só á muller burguesa, á muller da nosa sociedade, senón tamén ás mulleres que chegan ata aquí en caiucos, ás mulleres que sofren a guerra..." -a obra inclúe poemas sobre o sufrimento das palestinas que, quizais, son, de todo o libro, os que teñen máis forza-.
"É difícil que homes e mulleres poidan loitar xuntos, pero é posible. Ninguén ten dereito a frear a capacidade creativa doutra persoa. Os homes poden ser compañeiros, ou vehículos de medo e escuridade porque, debido á educación patriarcal, poden tentar inhibir a capacidade creativa das mulleres", engadiu.
gallego
A idea da soidade
"A soidade non ten por que ser mala. O proceso de autoafirmación e de autoobservación pode ser duro, pero unha vez que atopas a forza que precisas, ves que non pasa nada...", afirma Figueroa .
