Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Miércoles 22.04.2009      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

[Noticia 1 de 1] Gente y comunicación| sociedad@elcorreogallego.es

ensaio

"O albariño reemprazou o ribeiro na representación da identidade do país"

17.03.2010  Xavier Castro publica en Galaxia 'A rosa do viño', un amplo estudo sobre a cultura enolóxica galega // O profesor afondou nos hábitos tradicionais do consumo e da elaboración

5.0/5 [1 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

VANESA OLIVEIRA • SANTIAGO

O profesor Xavier Castro, autor de ‘A rosa do viño’ en Galaxia
O profesor Xavier Castro, autor de ‘A rosa do viño’ en Galaxia

O profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, Xavier Castro fala paladeando as palabras como un catador de esencias. As mesmas que descobre no libro A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia, un ensaio editado por Galaxia, premio Deza de Investigación. "Ter unha certa calidade de vida antes implicaba ter viño porque era todo: a festa, a calefacción interior contra o frío, unha medicina para moitas doenzas, un alimento –calorías baratas– e a sociabilidade: o que se compartía entre os veciños e a familia", asegura o autor.

– Na obra di que os viños de Galicia "son coma nós: persoas de corazón tranquilo, humildes, honestas, suaves e un chisco remisas". Cales son as virtudes do viño galego?

– Cunqueiro xa dicía que os viños son un pouco coma nós, cos nosos vicios e virtudes, amables e afectuosos, cun punto de ironía e retranca. Tamén os viños teñen ese punto de acidez e de sorpresa, non son planos nin liñeais, teñen un segredo recóndito que oculta a súa alma. Os viños galegos son afrutados. Existe a lenda de que son novos, pero agora si que se elaboran crianzas estupendas. Ese tópico de que teñen que ser mozos xa non funciona. Tradicionalmente, os viños galegos eran frouxos, tiñan poucos graos. Os populares eran máis ben tintos, máis abundantes e baratos, mentres que o branco era dos ricos. Era un viño feito na casa, e que aguantaban pouco porque non se lle botaban apenas conservantes. Dicíase que os viños galegos viaxan mal porque se toldaban. Hoxe xa non.

– O campesiño sentía apego polo viño da casa, o seu preferido.

– Si, era o seu orgullo. A identidade mínima da familia e da casa en Galicia era o seu viño, do que se sentían fachendosos e ofrecían aos convidados.

– No libro desmonta mitos como que a embriaguez non era tan habitual entre os campesiños como se cría porque moitos tiñan que vendelo para sobrevivir.

– O viño bebíase con certa abundancia na Galicia vitícola, pero no resto, bebíase moi pouco. Ademais, tomábase con administración: o mellor viño había que vendelo, entón bebían o máis modesto e de peor calidade. As mulleres incluso eran abstemias porque por cultura entendíase que as mulleres non tiñan tanto dereito como os homes a beber. Realmente, a embriaguez era algo moi específico dalgunhas persoas e dalgúns días como a festa do patrón. Ás veces, sobre todo, os traballadores, xornaleiros ou obreiros mareábanse bebendo viño pero non porque beberan moito senón porque comían pouco.

– É curioso que os galegos se identifiquen máis, a nivel de gustos, co viño tinto, pero o viño que acaba representando a Galicia no mundo é o albariño.

– O ribeiro foi o gran viño de Galicia, era o máis prestixioso e de maior calidade. En parte, tamén pola propia pericia dos bodegueiros do Ribeiro e tamén porque os ingleses e holandeses que se asentaron en Ribadavia e Pontevedra pedían viño branco para exportar. O gusto da xente en Galicia botábase máis cara ós tintos. Entón, no Ribeiro, comezaron a dominar máis que os brancos, aínda que estes foran predominantes na Idade Media. Os paisanos preferían mellor o tinto porque lles parecía que alimentaba máis, era como o sangue, canto máis gordo e cor tivera, mellor. O título do libro vén de aí: esas bágoas ou pétalos da rosa que forma o viño tinto, espeso. Ao final, foron dominando novamente os brancos. De feito, nas últimas décadas, os viños do Ribeiro son brancos anque empeza a haber tintos. Ademais, no Salnés desenvolveron moi ben a viticultura do albariño e prestixiárono fóra até que reempraza o ribeiro na representación identitaria do país.

CATAS

"Os caldos modernos son previsibles"

- A cata especializada fixo que se mitificase en exceso o mundo do viño e o seu consumo se arredase da xente nova?

- Si, pode ser así. A enoloxía é unha ciencia recente. Empeza a haber enólogos, adegas que se modernizan e substitúen as barricas de madeira por depósitos de aluminio, con técnicas de control de fermentación. O viño medra en calidade aínda que ás veces resultan un pouco uniformes, en cambio nos artesáns é onde atopas sorpresas e máis variedade. E iso tamén é un valor. Os viños modernos ás veces non teñen esa sopresa e orixinalidade, son previsibles, pero son garantidos e resistentes. Esta moderna enoloxía correspóndese coa sociedade de consumo, onde o viño asume outras funcións como a de consumo distintivo, fanse cursos de cata para desfrutar e presumir un pouco. Queda ben na sociedade saber de viños, ir a viñotecas, como espazo que prestixia, como a roupa de marca. A cultura popular non ten ese carácter senón que é participativa, hai outros gustos de padal. En Galicia existen estas dúas maneiras de entender a cultura do viño: a tradicional persiste e a moderna.

- No libro reivindica unha variedade hoxe case desaparecida: o viño tostado.

- Si, é o viño nobre de Galicia.Facíase aínda que só fose un pipote para grandes ocasións. Era unha xoia. Hai dúas adegas que o rescataron pero estaría ben promocionalo. O libro intenta romper unha lanza en favor dese produto exquisito que temos .

O DATO

As tradicións

·· Tradicionalmente, o viño formaba parte de todo tipo de celebracións, peticións de mans ou mesmo se usaba para "pagar o piso", para que un mozo puidera "pretender" á moza que vivía noutra aldea .

Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado.
Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS