Miércoles 22.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
A representación do mundo hispánico pola industria de Hollywood propende sempre á caricatura irrisoria. Lembremos a Ava Gardner executando estrañas danzas que se supuñan españolas en The Barefoot Contessa ou bambeándose na praia ao son que lle tocan dous morochos coas maracas en The Night of the Iguana. Como excepción podemos aducir o contra-exemplo de Sam Peckinpah, que arriquece a banda sonora dalgúns dos seus mellores filmes con belísimas cantigas mexicanas.
En tempos recentes vimos como se mesturaron nunha película as procesións da "madrugá" da Semana Santa sevillana coas Fallas de Valencia e, dado que estes intrépidos hispanistas non andan crendo en velorios, agora Tom Cruise roda un encerro de touros ao estilo do San Fermín nas rúas de Cádiz (por estreitas seméllanse á Estafeta pamplonica) e na Praza da Maestranza. Algo así como se pretendésemos simbolizar a variada paisaxe humana dos EE.UU nunha secuencia que incluíse a Marilyn Monroe coa faldra á recacha montando un cabalo cimarrón nun rodeo e a Louis Armstrong tocado con plumas de guerreiro sioux inflando as bochechas para soprar no cano dun rifle Winchester 73. Estes remexidos que mestizan allos con cebolas rebordan quizais a incuria norteamericana e indixestan toda a cultura de masas, como o demostra unha imaxe da Gioconda que acabo de ver en tv na que o sorriso arcaico pintado por Leonardo aparece substituído polos labios avultados de Angelina Joli, dando a entender que a picou unha abella inchándolle o peteiro e volvéndoa fuciñuda.
A Galiza non interesa na Meca do cinema, polo que felizmente nos libramos de contemplar nas pantallas un mestrugallo de gaitas, barbas de Fidel, lobishomes, meigas, Santiagos Matamouros, discursos de Franco, caneos de Amancio e lagartos estampados na saia de Carolina Otero, todo metido nun pote.
