Miércoles 22.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Xusto Beramendi, onte á tarde en Santiago de Compostela |
O catedrático e profesor Xusto Beramendi González (Madrid, 1941) resultou onte gañador do Premio Nacional de Ensaio, que outorga o Ministerio de Cultura, polo libro De provincia a nación. Historia do galeguismo político, unha monumental memoria sobre o transcurso histórico do pensamento galeguista, editada en lingua galega por Xerais, e aínda non traducida ao castelán. Beramendi, que onte mesmo recibía a chamada do ministro de Cultura, César Antonio Molina, amosaba a súa sinceira sorpresa. "Premiar unha obra en galego é un avance moi importante. Que se considere todos os idiomas iguais para un premio nacional é algo moi importante", salientaba o gañador do Nacional que xa anteriormente recibiu polo volume galardoado o Premio da Crítica de Galicia, o da Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Pedrón de Ouro. O premio, dotado con 20.000 euros, concédeselle á mellor obra de ensaio publicada en 2007 en español ou nalgunhas das outras linguas cooficiais que se falan en España. "Se cadra -propón Beramendi- a obra podería traducirse ao castelán aínda que nunha versión abreviada das 1.200 páxinas que ocupa".
O libro de Beramendi recesiona a historia do galeguismo político desde finais do XVIII ata a actualidade, aínda que, admite, o período que vai da Guerra Civil ata hoxe "é un epílogo que non ten a profundidade da investigación principal, que chega ata 1936", relata. Na obra, tamén galardoada co Losada Diéguez para Investigación, percorre, ao longo de mil duascentas páxinas, as primeiras manifestacións de galeguismo en forma de "provincialismo" no século XIX; logo, a súa fase rexionalista, e a continuación, a nacionalista dos últimos anos, a Restauración, a Ditadura e a Segunda República.
Un problema sen resolver
Beramendi, experto en nacionalismos, e non só no galego, cre que ese asunto en España é hoxe unha das cuestións políticas que maiores problemas xera. "É un tema que desde a instauración da Democracia non se resolveu, nin é previsible que se resolva en tempo", afirma.
"É un tema moi complexo -subliña- e fai que España sexa moi particular dentro do panorama político europeo. O problema está na distribución territorial do poder das autonomías. A solución estaría nun momento determinado nunha posible reforma constitucional para propiciar un estado máis federal; podería aliviar o conflito pero non é unha garantía".
Cofundador do Museo do Pobo Galego e actual presidente da súa Xunta Reitora, Beramendi, interrogado pola repercusión que terá a concesión do Nacional, sinalou que "os nacionalistas españois máis recalcitrantes vano tomar moi mal", pero que "a xente máis ou menos normal o considerará un síntoma de que nos imos achegando a unha certa normalidade".
Autoridade en Risco, Brañas ou Murguía
O xurado, que decidiu o premio onte estivo presidido polo director xeral do libro, Rogelio Blanco, e formaron parte del, entre outros, José María Pozuelo Yvancos, Paula Izquierdo e os gañadores das dúas últimas edicións, José González e Celia Amorós. Enxeñeiro industrial e historiador, galego por escolla, Beramendi é catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago Compostela (USC), da que foi vicerreitor entre 1990 e 1994. Participou na creación das revistas Negacións (Madrid, 1977), A Trabe de Ouro (Santiago, 1990) e Tempos Novos (Santiago, 1997). Publicou entre outros libros e artigos de investigación, Miseria de la Economía (1974), Vicente Risco no nacionalismo galego (1981), Galicia e a historiografía (1993), Manuel Murguía (1998), e Alfredo Brañas no rexionalismo galego (1998).
Outras das súas obras son La historia política: algunos conceptos básicos (1999), La España de los nacionalismos y las autonomías (2001) e A Autonomía de Galicia (2005), entre outros .
