Domingo 12.02.2012
| Actualizado 00.00
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Xurxo Torres, esquerda, Fernando Salgado e Xosé Ramón Pousa, onte durante a presentación do libro FOTO: Jorge Leal/Efe |
O secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado, defende a comunicación como un factor de "competitividade" para as empresas e como xerador dun marco de confianza para afrontar a crise económica. Así o fixo onte na presentación en Santiago do libro Comunicación e competitividade: o factor humano como clave das Relacións Públicas, realizado pola consultoría de comunicación Torres y Carrera en colaboración coa Universidade de Santiago e co apoio da Secretaría Xeral de Comunicación.
Para Salgado, é "enormemente oportuno" falar de comunicación en tempos de crise, porque ademais de ser un "factor de competitividade claro", é unha "fonte de coñecemento e de progreso". "Critícase como un acto electoralista que os políticos neguen a palabra crise, pero é necesario ofrecer unha comunicación optimista para xerar confianza e que a situación non empeore", explicou.
Así, indicou que os integrantes do proceso comunicativo "desempeñan un papel fundamental para facerlle fronte á crise". "A comunicación en xeral, e a empresarial en particular, configuran expectativas de empresas e consumidores e crea un marco de confianza ou desconfianza", sinalou neste sentido.
Referiuse á relación da palabra "crise" con "risco" e "oportunidade" en chinés para explicar que as empresas e a sociedade poden "saír robustecidas da crise" se combinan eses dous aspectos e empregan a comunicación dun xeito eficaz.
Avogou polo desenvolvemento dunha "sólida cultura comunicativa" entre o empresariado galego para reforzar a imaxe de Galicia e incrementar a capacidade dos galegos para actuar no marco de competencia global.
O director xeral de Torres y Carrera, Xurxo Torres, sinalou que no primeiro trimestre de 2008, o investimento publicitario caeu un 6%, e estiman que de aquí a final de ano, se reducirá un 10 por cento.
Novas prácticas para chegar ás audiencias
Na súa intervención, Xurxo Torres manifestou que "na sociedade actual, na que os individuos ademais de receptores tamén son creadores de información e, polo tanto, de opinión, a utilización dos medios como canle específica para que as empresas cheguen aos seus públicos obxectivo xa non abonda".
O director xeral de TYC asegura que "o modelo de comunicación participativa propiciado por Internet require que as empresas amplíen as súas prácticas comunicativas para humanizar as mensaxes e chegar ás audiencias, especialmente nunha época de crise como a actual".
Xosé Ramón Pousa asegurou que nunha etapa próxima "as direccións de comunicación van adquirir un grao moito máis alto de complexidade e cun peso aínda maior na estrutura da empresa", debido a que "a competitividade non só precisa de capital ou infraestrutura, senón do desenvolvemento de inmateriais, de líderes con visión e de empresas e institucións con boa imaxe e boa reputación" .
O primeiro recorte
O libro presentado xorde dun estudo de 2007 pola consultora e a USC, no que se conclúe que as empresas consideran a comunicación como un "factor clave" para a mellora da capacidade competitiva dunha organización. Porén, "son as partidas destinadas á comunicación as que primeiro se recortan en situacións apertadas", di Torres.
Rumores
Xurxo Torres argumentou que a falta de comunicación "xera desconfianza" e deixa espazo aos rumores que poden "arruinar a imaxe da empresa", segundo o profesor da USC Xosé Ramón Pousa.
Gabinete de prensa
Torres precisou que a comunicación hoxe "non se pode supeditar á actividade dun gabinete de prensa", porque os avances tecnolóxicos propician que calquera sexa receptor e emisor .
