Domingo 21.03.2010
| Actualizado 13.01
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Iván Area, esquerda, Xosé Luis Bóveda, Luis Bará, Gómez Rivera, Fernando Quintela e Lores, onte FOTO: Ana |
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentou onte a Cátedra Alexandre Bóveda no Pazo da Cultura de Pontevedra, co obxectivo de difundir a figura do galeguista a través dun Centro de Documentación, un premio de investigación e diversas actividades de promoción para dar pulo ás ciencias sociais na comunidade. No acto, Bará estivo acompañado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a delegada provincial, María Xesús López Escudeiro; o subdirector xeral de Caixanova, Antonio Gómez Rivera; o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Fernando Quintela, e o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area.
Baixo a dirección do profesor da Universidade de Vigo, Alvaro Xosé López Mira, a Cátedra vaise desenvolver seguindo tres grandes liñas de actuación arredor da figura de Alexandre Bóveda. A primeira delas, ten relación coa creación dun Centro de Documentación que compilará os documentos que existen en distintos formatos, para permitir o seu acceso aos investigadores. A súa sede será no Pazo da Cultura de Pontevedra e estará coordinado por Uxío Breogán Diéguez. Tamén se creará un premio de investigación Alexandre Bóveda, que terá unha dotación económica de 20.000 euros para o traballo premiado. Contará cun xurado de recoñecido prestixio e os traballos, en lingua galega, poderán versar sobre ciencias sociais, económicas ou xurídicas. Por outra banda, está prevista a celebración dunhas xornadas anuais dirixidas ao público en xeral. O primeiro encontro terá lugar no mes de decembro co relatorio impartido por un especialista na figura de Alexandre Bóveda, e no 2008 organizarase un congreso sobre o galeguista.
Dende a Cátedra apoiarase o desenvolvemento de proxectos de investigación, de actividades como simposios, conferencias, seminarios ou cursos, colaborarase en proxectos culturais e favorecerase a mobilidade de estudantes e persoal docente.
A Consellería de Cultura contribuirá a estas actividades e proxectos con 30.000 euros anuais, mentres que Caixanova colaborará con 20.000 euros, e o Concello de Pontevedra, con 10.000 euros.
Avanza a futura lei de arquivos
A conselleira de Cultura, Anxela Bugallo, anunciou onte que o proxecto de lei de arquivos de Galicia entrará no Parlamento galego a principios de 2008 co obxectivo de establecer os instrumentos necesarios para preservar e poñer en valor o patrimonio documental da comunidade, "que fundamenta a súa memoria como país".
Durante a súa comparecencia onte no pleno, Bugallo explicou que esta norma paliará a "falta de organización e o deficiente funcionamento dos arquivos" até a data. Neste sentido, acusou os gobernos do PP de "carecer de modelo de xestión" nesta materia. Así, Bugallo enumerou algunhas das medidas recollidas na lei, como a creación dun Sistema de Arquivos de Galicia. Ademais, avanzou que abrirá a porta para recuperar documentos galegos que se atopan fóra da comunidade. Tamén se referiu ao futuro Arquivo Nacional de Galicia, na Cidade da Cultura, e que, segundo destacou, "está chamado a ser a cabeza do sistema en Galicia" .