Miércoles 22.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Franklin Delano Roosevelt tivo que refundar o capitalismo no seu día tralo crack de 1929. Combateu a depresión coa New Deal (intervención do estado na economía), coa reforma do sistema bancario e creando emprego público para darlle un chope a quince millóns de parados. Non hai que ser un chapón da ciencia económica para saber tales datos; este menda, que ignora os cartos que leva na carteira, deu con eles na enciclopedia alfabética Plaza e Janés, no tomo que vai de -Pres- a -Solf.
O feito de que hoxe cumpran novas reparacións no alpendre confirma que todo sistema tende á entropía (á desorde), como nos ensina o segundo principio da termodinámica. Demostra tamén que, xa metidos no lío, máis que economistas precisamos matemáticos especializados en teoría das catástrofes para explicar a aparición destes accidentes discontinuos que chaman crises.
Sarkozy presentouse na cimeira como paladino da refundación, e Zapatero, desde a cadeira cedida polo napoleonciño, exerceu de superheroi da socialdemocracia. Non é seguro que ningún dos dous coñeza a René Thom -creador da teoría catastrofista-, os principios da termodinámica ou o legado de Roosevelt. Sendo optimistas, quizais posúan os saberes enciclopedistas que eu lle debo ao editor catalán Josep Olivé Janés. Pero non haxa medo que a crise amáñase. Xa verán como todo volve ao rego unha vez que os pobres que mercaron auto e casa sen teren posibles con que responder sexan embargados, anden a pé e moren en modestas poubeas de aluguer.
No tocante aos ricos, o seu único problema consiste en facer que os pobres traballen por pouco diñeiro e dispoñen dunha receita infalible para conseguilo: abonda con retirar subsidios sociais. Claro que, se se pasan, a ordinary people non consome e daquela é pior o remedio que a doenza.
Por min, que chova! Nos andares altos do meu edificio non viven plutócratas arruinados, estou ben libre de que se guinden pola xanela caíndome enriba e esboirándome contra as lastras da rúa.
