El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

cultura

Cultur.gal pechou as súas portas cun balance de 35.000 visitantes

A Feira das Industrias Culturais, que se celebrou no Palexco da Coruña, superou as expectativas de público e a presenza de profesionais e empresas // A organización do evento asume agora o reto de darlle continuidade ao encontro

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 09.12.2008 
A- A+

C.G.
Anxo Angueiro, esquerda, e O Leo, na súa actuación no Cultur.gal
FOTO: C.G.

A II edición da Feira das Industrias Culturais, o Cultur.gal, pechou o domingo pasado as súas portas cunha estimación de 35.000 visitantes ao longo dos catro días, "un gran salto" con respecto á pasada edición, celebrada en Pontevedra, que aglutinou unhas 10.000 persoas.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, fixo, no peche, un balance "positivo" da feira, que "superou mesmo as mellores expectativas no que respecta á presenza de profesionais e empresas, pero sobre todo de público".

Dende a Consellería de Cultura e Deporte, que asumiu desta volta a celebración dun evento impulsado na súa primeira edición pola Asociación Galega de Editores, consideran que se trata xa dun "evento consolidado" que hai que manter nos anos vindeiros, na mesma época e probablemente na mesma cidade.

Debate dos sectores

"É unha decisión -a da continuidade nun único espazo xeográfico- que se tomará no seu momento coas opinións de todos os sectores e entidades implicadas na organización, pero ten que ter unha localización estábel, e A Coruña ten todos os boletos", explicou Luis Bará.

A época de Nadal segue a ser a de maior atractivo para os organizadores, e mesmo se lanzará unha campaña que dea continuidade ao Cultur.gal para promover a adquisición de produtos audiovisuais galegos.

En canto aos retos para os anos próximos, Luis Bará apunta que "hai que ampliar a oferta de produtos e servizos" cunha maior presenza da música, do audiovisual e das novas tecnoloxías e incorporar outros sectores como o patrimonio, o turismo ou a artesanía.

O 'gancho' dos persoeiros

"Non se explotou a capacidade de atracción que poden ter persoeiros do mundo audiovisual e musical, como acontece coa literatura, que xa prensentan aquí as súas novidades", opina o director xeral de Creación e Difusión Cultural.

Tamén considera mellorable a proposta de actividades para o público, para acadar unha maior diversificación e oferta, e bota en falta unha maior participación de programadores, "sobre todo públicos, como técnicos e concelleiros de Cultura".

O día de maior afluencia á Feira das Industrias Culturais Galegas foi o sábado, cuns 12.000 visitantes, segundo datos da organización. Na primeira xornada, pasaron polo Palexco da Coruña unhas 4.000 persoas, unha cifra que se duplicou no seguinte día. Na xornada do domingo pasado estimouse a presenza dunhas 11.000 persoas ao longo de toda a xornada.

A clave

O peche, cos novos da xeración Xabarín

Os máis novos protagonizaron a última xornada da feira, que nos primeiros días tivo un corte máis profesional. A preestrea do novo espectáculo do Xabarín e os distintos obradoiros captaron a atención dos nenos durante todo o día .