Domingo 05.09.2010
| Actualizado 20.49
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Freixanes, esquerda, Varela, Fasero e Vieites, onte na presentación dos novos títulos no Salón Teatro FOTO: xoán crespo |
O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentou onte os catro últimos títulos sobre práctica escénica da colección Bibliotecta de Teatro e comprometeu apoio "eficiente e estable" tanto ó sector editorial como ó teatral de Galicia.
A colección, publicada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Editorial Galaxia, publicou un total de vinte e tres libros repartidos en tres series que contan xa con oito anos de existencia.
Para Roberto Varela, a colaboración entre Agadic e Galaxia establece "un modelo de converxencia exemplar" que "confirma a vontade" de Cultura de "consolidar unha estrutura sólida, efectiva e capaz de soster proxectos a longo prazo".
Nesta liña, o responsable de Cultura asegurou que o investimento "en formación e en contidos" é "un dos mellores modos de mostrar o compromiso e a implicación co teatro galego".
Respecto do sector editorial, Roberto Varela recordou que 2010 será o Ano do Libro e a Lectura, polo que, indicou "máis que nunca o libro e a industria editorial galega serán xeradores de riqueza e de dinamismo". "A Consellería impulsará todas as iniciativas de promoción no exterior, todos os eventos internacionais, todas as medidas de apoio que fagan crecer a presenza e o empuxe do libro galego", explicou Varela.
O conselleiro de Cultura presentou onte as obras Manual de práctica teatral feminista, de Elaine Aston; A expresión dramática na educación. Argumentos para situar a expresión dramática, de Gavin Bolton; e Teatro Occidental: unha historia teatral desde a escenografía, de Anna Xordes, así como o volume número nove da serie Breviarios, baixo o título de Manual básico de iluminación escénica, de Antonio López-Dávila.
Os participantes
·· Na presentación participaron Juan Carlos Fasero, director da Agadic; Manuel F. Vieites, coordinador da colección e director da Escola de Arte Dramática Galega; e Víctor Freixanes, director xeral de Galaxia .