Miércoles 22.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
O Diario Oficial de Galicia publicou onte a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura polo que se incoa o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de conxunto histórico o barrio de Ferrol Vello, na cidade de Ferrol.
A partir de agora iníciase o procedemento administrativo que, nun prazo máximo de 20 meses, debe determinar se Ferrol Vello pasa a formar parte da lista de bens que contan co máximo grao de protección previsto legalmente. En calquera caso, desde a publicación no DOG e mentres non se resolva o procedemento, Ferrol Vello conta de forma provisional co réxime de protección sinalado para os BIC.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural conta coa opinión favorábel para a declaración por parte dos tres organismos consultivos aos que se lles solicitou informe previo: a Universidade de Santiago de Compostela, a Real Academia de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario e o Consello da Cultura Galega.
Agora ábrese un período de información pública dun mes no que as persoas ou entidades interesadas poden examinar o expediente na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural e interpoñer as alegacións que estimen oportunas. A resolución destaca ademais a "unidade e a calidade do trazado medieval aínda presente no barrio" como un dos principais valores patrimoniais de Ferrol Vello.
Sinálase que "o chamado hoxe barrio foi no seu día a vila histórica de Ferrol, documentada como tal desde o século XVIII". Na actualidade, aínda que perdeu as arquitecturas medievais primitivas, conserva todo o seu tecido viario orixinal. No texto da resolución apúntase que "urxe manter e conservar este espazo no mellor estado, porque só a súa existencia, a súa localización no extremo occidental da poboación, o seu rueiro espontáneo e irregular, a súa discreta amplitude e a variada tipoloxía das súas vivendas serven de perfecto contrapunto para valorar tamén a novidade, o racionalismo e o mellor nivel urbano do veciño barrio da Magdalena".
