Miércoles 22.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Carlos Lema, esq., Luís García, María López Sández, Marisol López, Freixanes e Manuel González, onte FOTO: Antonio Hernández |
A gañadora do premio Ramón Piñeiro de Ensaio na edición de 2007, María López Sández, considerou onte que a reflexión sobre o espazo, tema que aborda a súa obra, está en primeiro plano actualmente cos conflitos sobre a territorialidade.
O VII Premio Ramón Piñeiro, que ten unha dotación de 6.000 euros, contou nesta convocatoria co apoio da Editorial Galaxia, a Fundación Fenosa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Na presentación en Santiago de Compostela da obra gañadora, Paisaxe e Nación, a autora estivo acompañada pola secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; o director de Galaxia, Víctor Freixanes, e o director de Unión Fenosa Galicia, Luís García.
A gañadora do Premio Ramón Piñeiro reflexiona nesta obra sobre o significado da paisaxe para a cultura galega, a través de figuras da literatura galega como Otero Pedrayo ou Méndez Ferrín, e da conexión da mesma coa "saudade". O director da editorial Galaxia, Víctor Freixanes, destacou que "o texto é unha viaxe pola construción da identidade dunha nación a través da paisaxe", mentres que o coordinador do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González, apuntou que a obra "combina dun modo valente os conceptos de nación e paisaxe".
O ensaio aborda a paisaxe desde unha nova perspectiva, mediante o "xogo con referencias universais", que lle van "achegando á cultura galega o pensamento dou- tras culturas", explicou o membro do xurado e director de Edicións da Editorial, Carlos Lema.
López Sande dixo que a elaboración da obra axudoulle a coñecerse mellor, pois indicou que é "filla do éxodo" do rural á cidade, no que o campo pasou de ser "un lugar produtivo a recuperar o concepto de paisaxe".
A escritora, a terceira muller que recibe este galardón, fixo referencia á contribución das mulleres á literatura galega, recordando que estiveron presentes desde os inicios coa figura fundacional de Rosalía de Castro.
Ideoloxía e fundamento identitario
María López Sández fai unha proposta de análise que parte do imaxinario social do nacionalismo para se achegar á paisaxe como espazo, como ideoloxía e como fundamento da identidade nacional. A paisaxe na pintura, a dimensión espacial e xeográfica dos fenómenos literarios e a xerarquización do territorio analizada a través dos mapas leva á autora a realizar un exhaustivo balance das diferentes concepcións da idea de paisaxe para concluír na noción do espazo como creación.
Paisaxe e nación (A creación discursiva do territorio) pretende explorar o nacemento e a evolución do modo dos galegos de ollar e relacionarse coa paisaxe. A partir do Romanticismo, coincidente co Rexurdimento, a paisaxe converteuse nunha das condicións simbólicas do nacionalismo. O ensaio analiza os mecanismos que permitiron que, desde a faísca inicial de Rosalía, e ata hoxe, a vivencia e percepción da paisaxe configurase un territorio, un espazo habitado, vivido, co que se crea un sentimento de pertenza .
Un papel simbólico primordial en Galicia
O texto de María López Sández estuda as distintas teorías sobre a paisaxe, a evolución histórica desta creación cultural a través da pintura, da literatura e da reflexión filosófica e os modos de entender o nacionalismo, primando unha concepción desde o imaxinario social, que é a que lle outorga á paisaxe un papel simbólico primordial .
A "orixinalidade" da súa proposta
Durante a presentación do libro onte, o director de edicións de Galaxia, Carlos Lema, subliñou a "orixinalidade" do ensaio de María López Sández así como do tratamento da paisaxe desde o punto de vista da lectura de mapas e das referencias lingüísticas ás "ideas que se teñen dun territorio e da súa situación no país e no mundo".
