Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Roberto Varela, esquerda, e Francisco López, onte en Ourense FOTO: c.c. |
A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia investirá o próximo ano 2010 preto de 17 millóns de euros na promoción e difusión da cultura a través da apertura de Galicia "ao exterior" e "o cambio de hábitos culturais", incidindo nun "maior consumo" destes produtos.
Así o explicou onte o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, en Ourense, onde presentou as liñas estratéxicas de actuación da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e recordou a designación do próximo ano 2010 como Ano do Libro e a Lectura en Galicia. Na súa intervención, Roberto Varela explicou que as liñas básicas da súa xestión durante esta lexislatura se centrarán en "adecuar" a política cultural aos "tempos que corren" e "sobre todo á situación cultural de Galicia".
Así, o conselleiro cualificou de "erro" considerar que o investimento en cultura resulta "improdutiva" porque os recursos empregados na súa difusión "son sempre un investimento que ofrece rendibilidade social" e, polo tanto, "non é un gasto".
Por outro lado, Varela asegurou que as industrias culturais galegas non teñen futuro "se non aumentan os índices de consumo cultural en Galicia". Para iso, avogou por "cambiar os hábitos culturais" e sinalou que un dos obxectivos do departamento que dirixe será incidir máis no "consumo de cultura que na produción de cultura". O conselleiro explicou que para iso pretenden xestionar o patrimonio e a cultura aos centros educativos "formais e non formais" como museos, teatros, bibliotecas e arquivos. "Da mesma forma que incidiremos no consumo cultural farémolo na educación das persoas", aseverou. Roberto Varela tamén sinalou que tamén traballarán na "promoción dos sinais de identidade" de Galicia, como o idioma, que debe "salvagardarse e promocionarse". Neste sentido, viu como unha "necesidade" de que Galicia se abra ao exterior "nun mundo globalizado", así como de "redeseñar a estratexia de xerencia e de mercado" e de fomentar a "expansión e internacionalización das industrias culturais galegas". "Se cremos nos nosos produtos e servizos temos que ser ca- paces de vendelos", afirmou o conselleiro.
Non falta criatividade
Roberto Varela asegurou que na actualidade o "problema" en Galicia "segue sendo" que o consumo cultura é "moi baixo" en relación a Europa e "ocupa un lugar moi baixo" no Estado español", aínda que "non falta nin creatividade nin produción". Asegurou que se editan "moitos libros cun nivel moi alto" que despois "non se traduce en que os libreiros vendan máis libros nin que os índices de lectura sexan cada vez maiores". "Iso para min é unha obsesión, porque non podemos producir películas se non hai salas de cinema", sentenciou.
O director xeral de Promoción e Difusión, Francisco López, debullou as seis liñas estratéxicas do seu departamento, encadradas na cooperación cultural, o fomento da lectura a través das bibliotecas, a promoción da nova creación, a difusión da cultura galega, o apoio ao sector e a planificación e a xestión.
Ano do Libro e da Lectura en 2010
·· López destacou na liña estratéxica de difusión cultural que 2010 será por decreto da Xunta o Ano do Libro e da Lectura, cun "grande evento que aglutinará accións para fomentar a difusión cultural" para o que a Xunta destinará un orzamento de 2,8 millóns de euros .
