Miércoles 22.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Pilar Cagiao, esqda., Ramón Villares, Arias e Núñez Seixas, onte |
O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, destacou onte que as dúas novas obras da Fundación Barrié sobre a pegada deixada pola diáspora galega en Cuba e Arxentina contribúen á "epopea da emigración galega".
Estes dous títulos históricos foron presentados onte polo CCG e pola Fundación Pedro Barrié de la Maza. Ambos os dous exemplares pertencen á serie editorial Galicia Exterior, centrada no patrimonio galego no estranxeiro.
A Galicia antillana: formación e destrución da identidade galega en Cuba, 1899-1968, de José Antonio Vidal Rodríguez, e Os galegos no imaxinario arxentino. Literatura, sainete, prensa, de Rosa María Lojo, foron as obras que Villares e o vicepresidente da Fundación, José María Arias, resaltaron pola súa contribución á memoria do legado da emigración galega.
Villares destacou que "ambos os dous son libros complementarios que permiten contribuír dunha nova forma á epopea da emigración galega", mentres que Arias destacou que dedicaron as publicacións "á reivindicación do traballo de tantos miles de galegos que deixaron a súa vida na emigración".
A catedrática de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Pilar Cagiao foi a encargada do prólogo da obra de Vidal Rodríguez. Centrouse no asociacionismo emprendido pola comunidade galega na illa cubana, "un referente, segundo as súas palabras. "O liderado étnico tivo lugar no ámbito social, pero tamén noutro tipo de actividades políticas e culturais", afirmou.
Enfoque transnacional
O catedrático de Historia Contemporánea da USC, Núñez Seixas, falou sobre o libro dirixido por Rosa Mª Lojo en colaboración con Mariña Guidotti de Sánchez e Ruy Farías. "Recolle -dixo- o mellor de ambas as dúas miradas", arxentina e galega, "nun enfoque transnacional moi de moda na historiografía contemporánea" .
