Miércoles 22.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| García Sanmartín, da AGE FOTO: m. blanco |
A Asociación Galega de Editores (AGE) invitou onte o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, a "recapacitar" e "retractarse" das declaracións realizadas durante un almorzo informativo na Coruña, onde afirmou que a cultura galega está "ensimesmada" e "acomplexada".
Nunha nota remitida ós medios, os editores galegos reclamáronlle a Varela que "busque o consenso co sector desde o coñecemento real dos seus problemas e necesidades" e que "asuma que declaracións deste tipo poden danar gravemente a imaxe pública da industria editorial galega" que "non merece ser tratada dun xeito desleal".
Para a AGE, as "críticas" do conselleiro ó sector cultural galego son "impropias" do "máximo responsable de cultura do Goberno Galego", coas que "contribúe a crear unha imaxe pública falsa das industrias culturais". "O sector editorial galego non é dependente das axudas públicas, e é un sector saneado, crucial para o desenvolvemento cultural do país", sinalou a asociación.
Nesta liña, a AGE recordou que o conxunto de empresas do sector editorial galego facturaron no último ano 34 millóns de euros, "recibindo das administracións públicas nese mesmo exercicio 1,9 millóns de euros", dos cales o 55 por cento, indicou, "corresponde a compra institucional, non a subvencións". Ademais, a asociación asegurou que as axudas para materiais curriculares "foron reducidas pola actual Administración nun 50%" e "están moi lonxe das axudas institucionais a outros sectores da economía galega".
Noutra orde de cousas, os editores galegos explicaron que as manifestacións culturais galegas no exterior da Comunidade son "cada vez máis visibles e valoradas" e "boa parte dese recoñecemento internacional" son "os premios e mencións ás obras producidas polos editores galegos"
Para a asociación, esta internacionalización "vén da man do esforzo continuado dos editores galegos" que "con escaso apoio lograron abrir camiños e mercados". Os profesionais da AGE, que integra máis do 90% do sector editorial galego, "traballan duro pola competitividade, modernización e internacionalización" da industria editorial da Comunidade.
Críticas do BNG
·· A voceira de Cultura do BNG, Ana Pontón, reclamou onte "reprobar" o conselleiro Varela na Cámara autonómica polas súas declaracións de "menosprezo" e a súa actitude de "acoso e derrubamento" aos sinais de identidade de Galicia .
