Miércoles 22.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
A aparición dunha mesa de formica ten amolado a Elías, pois crese capaz de construila el mesmo e de facer negocio, nunha nova entrega esta noite na Galega da serie Libro de familia.
Desde outro lado, Cosme é o encargado de traer a mala noticia da morte dos cabalos, a mans dos lobos, e Manuel Cabanas atópase nun punto sen saída pois debe pagar o camión e sabe que don Román non vai deixar escapar esta oportunidade para tirar proveito da súa desgraza.
Esta semana, o actor Miguel de Lira guiará o presentador Antón Reixa pola súa vila natal, Lira. O artista, que acadou a súa popularidade con Mareas vivas, emitida pola Televisión de Galicia a finais dos noventa, traballa na actualidade en Los hombres de Paco, compartirá con Reixa os recordos da súa infancia.
Na outra sección do programa, Guía secreta, un paquebote de 1918 viaxará co fotógrafo Xurxo Lobato á ría de Arousa, concretamente ata a vila do Grove. O Pazo de Mariñán, unha das xoias arquitectónicas máis emblemáticas de Galicia, será a parada elixida por Felipe Senén no seu Laberinto dos trasnos.
O programa da Galega Onda curta, que cada semana pretende dar a coñecer as novas promesas do audiovisual galego, emite a curtametraxe O cazador, filme do pontevedrés Ángel Santos Touza, coa que se erixe nun dos creadores máis relevantes da nova produción audiovisual galega. O cazador é unha arriscada película que pescuda no proceso de adaptación dunha obra literaria ao cinema, neste caso a de Anton Chejov O cazador. O experimento resulta unha obra de enorme calidade, que a xuízo dalgúns críticos e expertos, constitúe un dos filmes máis importantes do cinema galego nos últimos anos grazas á ollada singular e ao pulso narrativo firme do director e ao traballo do cangués Lois Soaxe e da pontevedresa Marta Pazos.
Poderase ver tamén unha das pezas do traballo Nemo, de Ariadna Camiño e Miguel Mariño que sitúan a varios pintores do país ante un lenzo en branco. Desta volta Jorge Cabezas.
