Miércoles 22.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
Neira Vilas e Dolores Vilavedra regálannos medio século da nosa historia recente
O libro Cartas de vellos amigos, publicado pola editorial Galaxia, permítenos aproximarnos á segunda metade do século XX a través da mirada daqueles intelectuais e amigos de Xosé Neira Vilas que mantiveron unha correspondencia activa co escritor e académico pontevedrés. Son corenta e dous autores e máis de catro décadas de reflexión cultural, social, política e literaria sobre o noso país, sobre o seu proceso de construción e a súa relación con outros (con)textos, desde dentro e fóra de Galicia, e ao redor das redes de comunicación establecidas por un dos nosos escritores máis conciliadores e dialogantes. Este magno epistolario permítenos, ademais, seleccionar, ao noso gusto, o momento temporal ou o personaxe concreto ao que queremos aproximarnos. O fío condutor é Neira Vilas, pero cada carta e cada autor recobran vida e actualidade coa axuda non só da reveladora introdución xeral senón tamén das valiosas e coidadas notas que tamén Dolores Vilavedra nos ofrece ao longo dun epistolario que, a pesar da súa extensión, non é máis que unha escolma doutras tantas cartas que aínda garda con agarimo e sumo respecto o autor. / José Manuel Estévez-Saá
Xosé Neira Vilas, 'Cartas de vellos amigos 1959-1998', Dolores Vilavedra, ed., Galaxia, 2010, 642 páxs. 29,50 €
