Domingo 21.03.2010
| Actualizado 11.11
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Margarita Ledo, na lectura do seu discurso de ingreso na Rreal Academia Galega, onte en Santiago |
"Poderá ser a Real Academia Galega un deses lugares de memoria, de modelos conscientes e inconscientes que terman dese tesouro novo e vello que fai que poidamos compartir o acto de ver, máis aló das individualidades deste ritual, deste taboleiro de trinta persoas que lle dan corpo e visibilidade?". Lanzaba onte esta pregunta Margarita Ledo no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia de Compostela, no seu discurto de ingreso na RAG, Do bucle e da fenda. Para un ensaio crítico sobre a cultura galega, ante un auditorio de arredor de 200 persoas entre académicos, amigos, familiares e personalidades da cultura galega.
A quinta muller que entra na Academia -precedida por Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Olga Gallego e Rosario Álvarez- enunciou unha declaración de intencións: "Sei que non podo sentar na vosa cadeira nin me confundir convosco. Nin é ese o meu desexo. Quero ocupar o meu lugar, e ver convosco o que nos interesa. É a palabra, é a expresión, é o aceno o que recobre esta distancia imposíbel de anular, e que non queremos disimular máis; é ese ritual de entrada na Academia o que vai dende ela, Rosalía, dende el, Otero, dende Velo, ata nós, con ocos que demos comezar a transitar". Unha Academia que, ao ver de Ledo, "reflicte o que foi o envés do século XX en Galiza e tamén certos ocos que por todo o século nos mancan".
Precisamente, a catedrática elixiu aos escritores Rosalía de Castro e a Otero Pedrayo como "modelos de personaxes públicos" porque "teñen conciencia en si propia" e da "fala como o modo de estar e de actuar". Referentes que ao seu ver, "materializan o seu compromiso na lingua, no uso público do galego como acción en que o asume un suxeito colectivo, o pobo, identificado coa nación", engadiu.
Ledo, profesora na Facultade de Ciencias da Comunicación, resaltou que "unha muller coma min sente na cadeira dun bispo, aínda que por fortuna o nome deste sexa o de Araúxo Iglesias, anuncia que o futuro terá que ver co laicismo, coa igualdade e co compromiso público, é dicir, político".
A cerimonia
Acompañada por Villares e Xohán Cabana
O presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, acompañado polo vicesecretario Salvador García-Bodaño, o secretario Manuel González, o tesoureiro, Andrés Fernández Albalat e o arquiveiro/bibliotecario Xosé Luís Axeitos, deu comezo ao acto chamando os académicos Ramón Villares e Darío Xohán Cabana para que acompañaran a catedrática lucense Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) na súa entrada no paraninfo. Ao acto asistiron personalidades do ámbito político como a concelleira de Cultura, Ánxela Bugallo, a directora xeral de Fomento e Calidade de Vivenda, Encarna Otero, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; do eido universitario como o reitor da USC, Senén Barro, o vicerreitor, Lourenzo Fernández Prieto, e numeroso profesores da Facultade de Ciencias da Comunicación como Manuel Outeiriño, Luís Álvarez Pousa, Xosé Ramón Pousa. E tampouco faltaron personalidades da cultura como X. M. García Palmeiro, Justo Beramendi, Rosa Aneiros, Helena Villar, Dolores Vilavedra ou Xosé Manuel Beiras, entre outros .
"Por conciencia e non por nacenza"
"Ése galego por conciencia e non por nacenza. É dicir, de non existir un obxectivo a acadar como nación onde os bens da cultura e da comunicación en lingua galega estean involucrados, non terá moito sentido continuarmos a falar", sinalou a xa académica, directora de películas documentais como Santa Liberdade ou Liste, pronunciado Líster.
A referencia a Carlos Velo
Ledo falou de Carlos Velo e da promesa "incumprida" da "recuperación do cineasta como mestre", o que supón que "Galiza ficou eivada de expresarse nesas obras nas que a imaxe técnica é constitutiva e parte do goce do encontro". Así, "fícanos como imaxe do noso espazo común mancado, a emigración, por Manuel Ferrol", unha "imaxe de perda" .