Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Feijóo, dereita, cun ramo de flores xunto a Carlos Negreira e María Seoane, onte na Coruña FOTO: Almara |
O 17 de maio pretende ser un día de celebración e reivindicación do galego, pero hoxe o idioma sitúase como un elemento de confrontación. A vitoria popular o 1-M e a súa intención de derrogar o decreto que establece que a metade das materias se impartan na lingua de Rosalía xerou a resposta airada de diversos sectores sociais, non aplacadas nin tras o nomeamento do lingüista vigués Anxo Lorenzo como novo secretario xeral de Normalización Lingüística.
As rúas de Compostela acollen hoxe una manifestación convocada pola Mesa pola Normalización contra a política da Xunta. O presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijóo, advertiu onte que primará a liberdade sobre calquera otra cuestión. "Quero reafirmar o compromiso coa Galicia que quere ser galega á súa maneira e falar as súas linguas coon liberdade. Non é tempo de imposicións, senón de diálogo", dixo onte tras realizar unha ofrenda floral na Coruña ante o monumento ó escritor Curros Enríquez.
A apelación á liberdade chocou coa advertencia ós críticos. Ó PP, proclamou, tócalle "protexela -a lingua- dos que queren apropiarse dela". De novo, reiterou unha mensaxe que na campaña foi máis dura. O galego non é "patrimonio de ningunha sigla ou plataforma", algo que defendeu tamén Ramón Piñeiro, figura á que se lle dedica o día de hoxe.
Tras as críticas recibidas por parte dos sectores nacionalistas, o presidente da Xunta sacou peito da tradición do seu partido e lembrou que foron os presidentes do PP "quen estamparon a súa sinatura en disposicións que forman o corpo básico da regulación do galego" e os que conseguiron "que o galego se vise por todos como un idioma tan amable como os seus falantes".
Arroupado pola cúpula do seu partido, Feijóo reivindicou o legado do PP na defensa do idioma. "Sentímonos continuadores deste país, do galeguismo que soñaron cunha Galicia unida e orgullosa de si mesma", proclamou vinculandoa súa formación con escritores como Curros, Wenceslao Fernández Florez, Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal.
Tamén quixo gabar a figura de Ramón Piñeiro e establecer un vínculo entre el e a postura do seu partido perante o idioma. "Algúns acusárono de ser un mal galego e mesmo de traizoar a non se sabe moi ben que causas. Pero Galicia estaba con el. Galicia estaba connosco".
. ddominguez@elcorreogallego.es
Avoga por restaurar o consenso
O PsdeG fixo público un manifesto con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, no que avogan por "restaurar o consenso lingüístico" en Galicia e reivindican a figura do homenaxeado este ano, Ramón Piñeiro, do que recordan que formou parte da lista coa que o Partido Socialista de Galicia concorreu ás primeiras eleccións ó Parlamento galego.
No seu texto, os socialistas mostran a súa "preocupación" polas "ameazas de interiorización social" que, aseguran, penden sobre o galego, ameazas ás que afirman, non son "alleas" as actitudas lingüísticas adoptadas polo PP nos últimos tempos. Denuncian que os populares utilizaron a lingua "de forma execrablemente partidista" e intentaron "crear" un "estado de opinión hostil ao galego", asumindo "frívola e irresponsablemente" postulados "radicais ao redor de ou galego" que converten o idioma en "arma de confrontación política e división social".
Fronte a isto, o PSdG comprométese a "traballar" por "restaurar o consenso lingüístico que presidiu estes 25 anos a andaina da autonomía" .
O socialistas lembran o galeguista tolerante
En canto a Ramón Piñeiro, homenaxeado este 17 de maio, o manifesto do PSdeG destaca del o seu "galeguismo pluralista e tolerante" que "incluía" unha "clara e firme defensa da lingua galega". De feito, recordan que este ilustre galeguista tivo un "relevante" papel nas conversacións e acordos que derivaron na elaboración acordada da Lei de Normalización Lingística, en cuxa redacción participou.
A lingua vista como patrimonio vivo
Os socialistas sinalan no seu comunicado do Día das Letras que Piñeiro entendeu a lingua galega como "un patrimonio vivo e común" que "fai de Galicia unha comunidade histórica e cultural plenamente singularizada" e subliñan a súa contribución á "extensión a toda a sociedade da conciencia galeguista".
Recepción oficial no concello da Coruña
O alcalde da Coruña, o socialista Javier Losada, defendeu durante a recepción institucional ofrecida onte polo Concello con motivo da celebración do Día das Letras Galegas que a lingua "non é moeda de cambio e de transacción política", e asegurou que a cidade herculina "non vai permitir baixo ningún concepto" que o idioma "enfronte en lugar de unirnos" .
