Jueves 16.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Nos últimos meses proliferan os escritos de persoas que reclaman medidas encamiñadas á involución da presencia social da nosa lingua. Cren que o feito de votaren a un partido político lles dá dereito a exterminar o patrimonio cultural de todos, volvendo á situación de épocas moi pasadas: isto é radicalismo, paradoxalmente agochado baixo os lemas de "libertad lingüística" e "bilingüismo cordial" (por certo: que alguén lles explique a diferencia entre bilingüismo social e individual!). É tal a cantidade de pseudo-argumentos e barbaridades que se conteñen neses escritos (informes da FAES, cartas de opinión ou sitios web dalgunhas asociacións) que, en xeral, non paga a pena nin comentalos. A non ser que un estea aburrido e falto de sentido do humor, como é o meu caso, que acabo de ler no xornal de hoxe a carta escrita por Pedro Larrauri. Como non dispoño de moito espazo, gustaríame facer uns breves comentarios:
1) "Lingua propia": para demostrar o equivocados que estaban os políticos e xuristas que redactaron o Estatuto de Autonomía de Galicia, o Sr. Larrauri recorre a unha bibliografía selecta: os diccionarios da RAE e da RAG (nun acto do que poderiamos chamar bibliografismo harmónico), comprobando que alí non existe ese termo. Vai ser porque nos dicionarios só se recollen palabras e tamén algunhas frases ou expresións consagradas polo uso. Animo ao Sr. Larrauri a que intente encontrar nos devanditos dicionarios as frases "casa azul" ou "puerta broncínea" (esta última só no da RAE). Que "lingua propia" non veña no dicionario non quere dicir que sexa incorrecto falar do galego como lingua propia de Galicia, como efectivamente é. Nun alarde de coherencia, o Sr. Larrauri, que comezara expoñendo que non existen as linguas propias, remata dicindo que "el castellano... es la lengua más propia de Galicia" (fáltalle engadir: "por la gracia de Dios").
2) "El lenguaje es algo propio de los seres inteligentes": supoño que se referirá á lingua humana, porque linguaxe tamén teñen as abellas. Aínda que -á vista está- non se sabe quen é máis intelixente.
3) "Lingua autóctona": o galego é unha lingua filla do latín, como as restantes linguas románicas. En cada rexión o latín evoluíu de modo distinto, debido a diversos factores; nesa distinta evolución radica a autoctonía de cada lingua: por tanto, o galego, ademais de propia, é a lingua autóctona de Galicia.
4) Vexo que o Sr. Larrauri é quen de responder a cuestións que eu cría irresolutas por parte de indoeuropeístas e historiadores da lingua latina, como os substratos prerromanos do galego (cales son esas "lenguas célticas prerromanas"?) ou como se produciu a romanización lingüística das provincias do Imperio. Tiña entendido que a documentación existente non permite falar dunha imposición do latín. En cambio, si que se pode falar da imposición do castelán en Galicia ata hoxe en día, da que hai bastante documentación.
Por que ultimamente tanta xente cre que pode dicir o que se lle ocorra sobre a lingua, teña ou non fundamento? Pola irresponsabilidade dalgúns políticos. Como lle vexan o rédito electoral, dentro de pouco imos acabar todos opinando sobre como teñen que operar os cirurxiáns.
Ao Sr. Larrauri recoméndolle que se informe ou, como dicía Wittgenstein, non fale do que non sabe.
