Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O escritor Marcos S. Calveiro |
Marcos Calveiro acaba de resultar gañador do Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil coa súa novela O pintor do sombreiro de malvas. O Premio Lazarillo, que convoca a OEPLI, é o máis antigo dos galardóns de literatura infantil e xuvenil que se fallan no Estado, desde 1958, e, na súa nómina de premiados atesoura varios nomes de referencia das literaturas en galego, catalán, éuscaro e español.
A historia que relata Calveiro, segundo el mesmo comentaba onte no seu blog, "acontece na pequena vila francesa de Auvers, na ribeira do río Oise, durante sesenta e nove días do verán do ano de 1890 e está protagonizada polo rapaz do lenzo que acompaña ao pintor do sombreiro de malvas...". O libro publicarase na primavera do ano 2010 en galego por Edicións Xerais, en castelán por Edelvives e en euskera por Ibaizabal.
Calveiro verá, tamén, no vindeiro ano a edición doutra nova novela, titulada Settecento, que sairá do prelo na colección Literaria de Xerais. Calveiro, á súa vez, é gañador doutros importantes galardóns como o Ala Delta, co libro O carteiro de Karrada; Premio Nacional da Crítica, por Festina Lente -unha aclamada narración de tintes históricos- e Premio O Barco de Vapor, co seu libro O canto dos peixes
Tamén na súa bitácora virtual Marcos S. Calveiro quere "deixar constancia pública" do seu "máis fondo agradecemento a algunhas das persoas que nestes anos me axudaron no camiño da escrita cos seus agarimosos azos, valiosas ensinanzas e a atinados consellos, dos que confeso que non fixen moito caso ás veces: Nacho Chao, Martin Pawley, An Alfaya, Isabel Soto, Rubén Ruibal e Arume dos Piñeiros. Graciñas a todos", conclúe.
