Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Nin cuarta parede nin distancias co público. Ferrol segue rachando tabús escénicos, axudando a "destripar" as montaxes escénicas e musicais. Nesta ocasión, executará unha dobre deconstrucción: unha clase maxistral dentro doutra clase maxistral. A obra Master Class, dirixida por Xosé Rabón e protagonizada por Mabel Rivera, amosará as famosas leccións de María Callas na famosa academia Julliard de Nova York. Pero tamén abrirá os seus propios ensaios ó público, en auténtico xogo de bonecas rusas.
A estrea celebrarase o 15 de abril no teatro Jofre, pero a partir do día 10 os cidadáns xa poderán acudir ós ensaios xerais, a montaxe de luces e escenario. Adiantaranse así nas vivencias das últimas clases da Callas, impartidas ó remate da súa carreira artística. A propia Mabel Rivera admite que con esta opción "verase a loita do creador por organizar o traballo antes de sair ó público". E afirma que "cando te achegas ós 60 as actrices teñen menos cancha". Pola súa banda, o alcalde Vicente Irisarri atreveuse a comparar esta modalidade de ensaios públicos "co éxito de Alonso probando o Ferrari".
Baseada nun texto de Terrence Mc Nally, a obra xa tivo un gran éxito da man de Mario Gas e Nuria Espert "cunha catarse na que as vivencias de Callas se mesturan nunha cerimonia de actores e cantantes líricos". Rabón lembra que "nos aterroriza o público, pero este tipo de experiencias son marabillosas".
