Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Manuel González, esquerda, e Luís Bará, onte durante a presentación da rede Espazos Escénicos |
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentou onte no Cultur.gal as liñas de acción do departamento de cara ao ano vindeiro. Como novidade, en 2009 nacerá Espazos Escénicos, unha nova rede de distribución das artes escénicas galegas, con 40 novos espazos, que se suman aos 50 que conforman a Rede Galega de Teatros e Auditorios, polo que "case cen concellos contarán cunha programación estable de artes escénicas", como consecuencia do Plan Galego das Artes Escénicas, explicou.
Entre as medidas que a Dirección Xeral contempla para o ano que vén, destaca a progresiva integración nun único circuíto das redes de distribución e de exhibición audiovisual, literaria, escénica e musical, que se prolongará durante un ou dous anos. Ademais, a Axencia Audiovisual Galega quedará integrada dentro da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Bará referiuse tamén ás convocatorias de axudas, que sairán publicadas en xaneiro de 2009, e ás axudas aos concellos e asociacións. Ademais, dentro das actividades de reestruturación dos distintos ámbitos da cultura, indicou que no 2009 elaborarase o Plan Galego das Industrias Musicais, atendendo ás propostas das organizacións sectoriais representativas, igual que se fixo co Plan Galego das Artes Escénicas.
Pola súa banda, o director da Axencia Audiovisual Galega, Manuel González, destacou o importante papel do programa Cinemas Dixitais, posto en marcha por este organismo dependente da Consellería de Cultura, na "democratización da difusión do audiovisual do país", dun xeito "sinxelo e gratuíto", grazas tamén á colaboración dos autores e produtoras. Referiuse ao elevado interese que suscitou entre os concellos e entre o público, xa que se implantou en máis de 170 concellos. A Axencia lanza agora unha nova programación centrada nas curtametraxes galegas da máis variada temática.
Por último, Xabier Campos falou das distintas accións encamiñadas á proxección exterior da cultura galega, que "en breve contará cunha marca paraugas". Así, lembrou a presenza de Galicia como convidada de honra en feiras como a de Brest, a da Habana ou o ano que vén no Intercéltico de Lorient, e os acordos con outros países, a colaboración con comunidades galegas no exterior, as axudas a artistas, e a programación de eventos de diversidade e cooperación cultural de cara ao 2009.
ELE, un paso de xigante para o videoxogo galego
"É o videoxogo máis ambicioso feito ata o de agora en Galicia". Así cualifican ELE (Evento Ligado á Extinción) os seus creadores, Alia3D e Continental. A presentación do videoxogo "cen por cen galego" tivo lugar onte no marco do Cultur.gal, logo de presentar o proxecto na anterior edición. "Foi un ano de infarto", comentan os responsables do xogo, Carlos Fernández e Juan Diego álvarez, que abordaron o proxecto cun orzamento de 200.000 euros, cen veces inferior ao dos grandes videoxogos comerciais. Malia este axustado orzamento, ELE "xa espertou o interese de distribuidores internacionais" e buscará unha difusión mundial en galego, castelán e inglés a través das tendas online, e e entregaranse tamén por capítulos cos xornais, a un prezo de 1 ou 2 euros. "Sen grandes barreiras dos distribuidores, pódense facer proxectos moi baratos". Así o explicou Pancho Casal, produtor de Continental.
"Son sete horas de videoxogo que non teñen nada que lles envexar a outros xogos internacionais", dixo Carlos Fernández. Ademais, pode xogarse en liña, con varios usuarios. Casal avanzou tamén que o xogo é "o punto de partida da estratexia multimedia de Continental". A produtora coruñesa ten previsto investir na produción de videoxogos convencionais e de casual games, destinados á súa aplicación en iPhone e Nintendo Ds. "En dous anos, Impulso TV, que se ocupará dos temas multimedia, debería ser máis grande que Continental", adiantou. Entre os plans de Continental, atópase a produción dun xogo de Emotional Training, para avaliar capacidades emocionais .
O Music.gal, a partir das 21.30 horas
O Music.gal desenvolverase hoxe ás 21.30 horas no Auditorio Gaviota do Palexco, con entrada gratuíta. Trátase dun espectáculo centrado na música, pero no que se xuntarán propostas do audiovisual, das artes plásticas, da literatura, das artes escénicas, da danza... Alí estarán Dios Ke Te Crew, The Homens, Projecto Mourente, Marful, O Sonoro Maxín, Proxecto Zocas, Yolanda Castaño e Estíbaliz Espinosa, entre outros.
Foro Letras Vivas, hoxe ás 11 horas
Os programadores de accións de fomento da lectura poderán hoxe participar no Foro Letras Vivas, un espazo no que dar a coñecer un conxunto de accións que buscan promover a creación dunha programación estable de animación á lectura en bibliotecas, centros educativos, centros culturais e asociacións. A cita comezará a partir das 11 da mañá coa explicación do programa Letras Vivas por parte de Luís Bará.
O novo de Manuel Rivas e Jaureguizar
Manuel Rivas presentará A corpo aberto, ás 20 horas; Jaureguizar a súa novela O globo de Shakespeare, ás 12-30; Chelo Suárez leva ao Cultur.gal Os milagres de Cristamar, Eduardo Estévez as súas Construcións (21.00 h.) e os álbums ilustrados A serea do mundo e O branco país sen neve, de Encarna Otero con ilustracións de Elisa Gallego Picard.
Xornada profesional sobre libro e edición
Na programación dirixida a profesionais, hoxe destaca a celebración da Xornada profesional sobre o libro e a edición, organizada pola Asociación Galega de Editores. Ás 11 da mañá terá lugar un coloquio-debate sobre Presente e futuro do libro galego. Ás 16.30 h continuará a xornada cun debate aberto entre editores para falar do presente e o futuro da edición .
