Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
A vila de Santalla amence cunha nova, no capítulo desta noite na Galega da serie Libro de familia creada por José María Besteiro xa que desapareceu a censura, así que don Venancio comeza a preocuparse pola moral e a decencia do país cando as revistas de mulleres lixeiras de roupa comezan a circular demasiado alegremente. Elvira, como non, secúndao na súa cruzada puritana, e só Elías, o taxista, é capaz de rescatar un póster de Marisol da caza do cura, co que fará negocio amosándoo a cambio dunhas moedas.
Por outra parte, o espazo Vivir aquí de hoxe réndese de pleno ao amor, contando as historias de seis parellas que reflicten distintos exemplos de ata onde pode chegar a forza do namoramento, de xente que optou por vivir en parella para atopar a felicidade. No que se pode considerar unha edición especial, centrada nas historias de amor que teñen todas un mesmo fío condutor, o programa achegará distintos casos entrando na vida dunha parella de namorados de Pontevedra que casou xusto no momento de saber ela que tiña un cáncer, ou tamén a historia exemplar dun matrimonio de Cospeito que conta a súa vida en común, cando está a punto de cumprir 68 anos de casados.
Entre Redondela e Vigo está a construírse o maior túnel do ferrocarril español. É unha obra grande que nos adianta a importancia do novo transporte ferroviario. En tren móvese o programa Galicia para o mundo ata Ourense, para coñecer as diversas propostas de novos artistas da modernidade e para visitar, no parque tecnolóxico, as instalacións dunha empresa galega que está a fabricar o maior parque de enerxía solar francés.
Ademais, o programa que presenta en TVG Carmen Chao segue a Vía da Prata por Vilar de Barrio, para ascender á Serra Santa e coñecer as aldeas bonitas que se asentan nos vales que crea o Arnoia
