Miércoles 10.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Neira Vilas recolle o Premio Laxeiro 2010 de mans do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela FOTO: S. Sás/efe |
O escritor Xosé Neira Vilas, colaborador habitual de EL CORREO GALLEGO, recibiu onte, de mans do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, o Premio Laxeiro 2010, recoñecemento instituído pola Fundación Laxeiro e que se publicou onte despois da reunión do padroado desta institución, que tivo lugar en Vigo.
Roberto Varela gabou a carreira do galardoado, afirmando que "é un dos grandes nomes da nosa cultura, para min e para todos os que na Xunta de Galicia traballamos en prol da nosa cultura, el será sempre un referente literario, intelectual e, sobre todo, humano". O conselleiro de Cultura e Turismo resaltou as afinidades entre o premiado neste 2010, Xosé Neira Vilas e José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, "por compartir o don extraordinario de repropoñer en formas aparentemente simples, inmediatamente comunicativas, toda unha tradición cultural" así como posuír "a cualidade rara e preciosa, de creadores verdadeira e sentidamente populares".
"As afinidades, non tanto electivas coma biográficas e circunstanciais, entre estas dúas figuras clave do noso século vinte, comezan pola súa relación con Galicia, unha relación a miúdo mediada pola distancia da emigración. Laxeiro e Neira Vilas coñecéronse de feito, moitos saberédelo xa, hai case sesenta anos, na biblioteca do Centro Galego de Bos Aires", engadiu o representante de Cultura. Roberto Varela recordou que "moitas das figuras fundacionais do noso presente identitario e cultural, por circunstancias históricas, residiron durante longos anos lonxe de Galicia, pero, esa distancia, dolorosa distancia ás veces, foilles tamén de axuda nalgún momento no seu quefacer creativo. Se cadra permitiulles albiscar a necesidade de reinterpretar continuamente a tradición, fíxolles comprender que a identidade dun pobo coma o noso cómpre refundala cada día a través da lingua e da arte". Para Roberto Varela a creación da Fundación Laxeiro a finais dos anos noventa supuxo "un impulso decisivo neste exercicio de memoria histórica" e o traballo que están a levar a cabo os seus responsables en múltiples ámbitos (expositivo, didáctico, de investigación) "contribúe de xeito notable non só á difusión da obra de Laxeiro senón tamén a promoción de toda a cultura contemporánea galega".
Reivindicar a obra e o espírito de Laxeiro
·· O conselleiro de Cultura considerou que o valor deste Premio, que chega xa á súa sétima edición, "é o de reivindicar non xa a obra senón o espírito mesmo de Laxeiro a través de persoeiros fundamentais da nosa cultura e as nosas artes, persoeiros que se senten próximos a este espírito" .
