Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
O crego de Totanés gastou en pornografía cibernética 17000 eurazos que pertencían ás confrarías da semana santa. Co mesmo afán puxo á venda un cadro de San Xerome e anunciouse moito como prostituto heterosexual en Internet. Este tipo de condutas convertéronse xa en rotina informativa. Un funcionario de Mondariz gastou nove mil euros das arcas municipais en liñas eróticas, e hai pouco tempo que un político balear foi denunciado por pagar en lupanares cunha visa do goberno.
Nada raro, porque como todo o mundo sabe, o que se converte en frecuente deixa de ser raro, aínda que sexa ilegal ou condenábel. Iso é o que ocorre en todos estes casos, quitando os servizos sexuais do cura, que son alegais por falta de regulación normativa da prostitución. O que resulta estraño de verdade é que o Arcebispado de Toledo pretenda submeter a un exame psiquiátrico ao sacerdote, porque da súa conduta sustractiva e luxuriosa, tan común, non se pode deducir en absoluto que estea desequilibrado. Que razóns moven entón á xerarquía eclesiástica? Pois a necesidade de dar a entender que eles, a Igrexa e os seus representantes, son moralmente superiores ao resto dos mortais. E que só padecendo unha enfermidade mental se pode chegar tan abaixo desde tan arriba, o cal é estatísticamente falso porque na Igrexa Católica abunda tanto o defecto como no resto do mundo.
O de fabricar tolos é un truco simplón, un lugar común da literatura, do cinema, da historia da Igrexa e sobre todo da vida. A marabillosa Ingrid Bergman interpreta en Europa'51, dirixida por Rossellini, a unha italiana moi rica que de súpeto decide vivir cos pobres e para que non perturbe, a familia e o padre espiritual intérnanna nun psiquiátrico. "Sempre poñerán mala cara, Sancho o cura e o barbeiro", dicía Juan Ramón Jiménez ante un don Quixote que de tolo non ten nada.
O noso párroco toledano semella vicioso e presuntamente manga nos cepillos, pero non é tolo. E bobo menos, pensarán algúns para si. O único desequilibrio que se lle detecta é o do anuncio: "Moi dotado (15 cms.)", proclama. Ou a santa inocencia acolle a don Samuel, ou terán que chamar aos discípulos de Freud.
