Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de convocar unha nova edición do concurso para a elaboración dunha exposición dirixida a renderlle homenaxe ao autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas do 2009, Ramón Piñeiro López. Nesta convocatoria poderán participar todos os centros de ensino públicos e privados, non universitarios, de Galicia e da Galicia exterior, así como da comunidade galega residente no exterior, escolas unitarias e de ensino primario, centros rurais agrupados, centros de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, centros integrados e de formación de adultos.
Entre os obxectivos que persegue esta iniciativa, destacan os de potenciar o estudo da obra e da época de Ramón Piñeiro e propiciar a reflexión sociolingüística sobre a etapa histórica na que viviu. Ao mesmo tempo, a convocatoria trata de contribuír a impulsar a realización de actividades que fomenten a colaboración entre departamentos dentro dun mesmo centro educativo e que propicien a implicación activa de profesorado e alumnado. Enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega e promover a súa divulgación como referentes para outros centros é outro dos fins que ten este concurso.
A convocatoria establece dúas categorías: unha para os centros de educación infantil e primaria, e outra para os restantes. Os centros nos que se impartan todos os niveis de ensino poderán concursar, se o desexan, nas dúas categorías.
Dotación económica
A mellor exposición de cada unha das categorías será imprimida e distribuída en máis de tres mil puntos de Galicia e do exterior, como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros. As dúas montaxes elixidas recibirán cadanseu premio en metálico por importe de 3.000 euros.
O eixe temático da exposición será a obra e a época de Ramón Piñeiro, observada dende unha perspectiva pluridisciplinar e na que o transcurso biográfico sirva de motivo para abordar unha realidade máis complexa. O traballo deberá ser interdepartamental e contar coa implicación dun mínimo de cinco seminarios.
O prazo para a presentación dos traballos remata o 22 de febreiro do próximo ano.
O xurado farase público na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística despois desa data. As bases do concurso para os interesados poden consultarse na web deste departamento da Xunta de Galicia.
