Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
A baixa de visitantes no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) -desde 86.419 no 2004 aos 62.262 do ano pasado- foi aproveitada polo portavoz de Cultura do Partido Popular (PPdeG), Ignacio López-Chaves, para arremeter de novo contra a conselleira Ánxela Bugallo, diana das máis virulentas intervencións do deputado durante esta lexislatura.
López-Chaves subliñou que a perda do 30% dos visitantes des que gobernaba o PP é "gravísima", pero o que máis lle preocupa é que esta redución ven acompañada dunha "constante ocultación da xestión", xa que desde hai ano e medio, engade, o CGAC négalle ao Parlamento información sobre os seus gastos e actuacións polémicas.
Para o deputado, o CGAC amosa o "autoritarismo co que traballa a Consellería de Cultura, que "non reúne o Padroado, toma decisións sen o coñecemento do mesmo e todo iso acompáñao de graves irregularidades". Porén, non indica cales son estas irregularidades.
O parlamentario non pode ocultar o pouso amargo polas rivalidades entre o Marco e o CGAC. El era o responsable político do museo olívico cando Bugallo decidiu retirarlle as subvencións autonómicas para este centro, que conta co apoio do Ministerio de Cultura.
Cualifica a actuación da conselleira de "autoritaria e caprichosa" coa súa "obsesión contra o Marco por rebaixar a súa achega económica, ao tempo que critica que Bugallo se negue a facilitar partidas adicionais para que a colección Ellipse poida residir no museo. Nese sentido, lembra que esa colección -considerada polos especialistas unha das mellores do mundo- posúe pezas de autores como o mestre conceptual Joseph Kosuth. A Consellería de Cultura adquiriulle recentemente á galería Juana Aizpuru de Madrid unha obra de Kosuth por 200.000 euros, o mesmo presuposto anual que o Marco precisa para acoller permanentemente a colección.
Segundo datos do CGAC, as cifras son "máis ou menos" reais, xa que no 2007 tivo 62.262 visitantes e non 60.000. A reducción é significativa e chegou ao seu mínimo no 2006, con 57.580 visitantes. Ao parecer, as visitas en 2008 foron e aumento e o CGAC agarda pechar nos 70.00, similar ao 2005 (71.519) ou o 2003, (76.741).
