Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia unha nova convocatoria de probas de habilitación profesional para a tradución e a interpretación xurada do galego para outras linguas, e viceversa. En concreto, os exames realizaranse para os seguintes pares de linguas: galego-castelán, galego-éuscaro, galego-catalán, galego-portugués, galego-alemán e galego-romanés.
Poden participar nesta convocatoria, segundo se publica no Diario Oficial de Galicia do 5 de setembro, as persoas que posúan, como mínimo, un título de diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou equivalente. As solicitudes poderán presentarse ata o 15 de outubro deste ano, e irán dirixidas á Secretaría Xeral de Política Lingüística, ben a través do rexistro central da Xunta de Galicia, ben nas delegacións provinciais.
O formulario de solicitude está dispoñible na páxina web www.xunta.es/linguagalega. Está previsto que o 7 de novembro se publiquen as listas provisionais de persoas admitidas á realización das probas, que serán definitivas o 16 de decembro.Os exames constarán de probas comúns de dereito e de lingua galega. Serán tipo test, con 40 preguntas cada unha. A data prevista de realización dos exames é o 13 de febreiro de 2009.As probas específicas realizaranse en marzo e constarán, para a convocatoria de tradución dunha tradución inversa, desde o galego á lingua á que se opte, e dunha tradución directa. Para a convocatoria de interpretación avaliarase o nivel de dominio e aplicación das técnicas de interpretación consecutiva, o nivel de galego oral e o da lingua obxecto de interpretación, a través dunha interpretación consecutiva directa e inversa dunha conversa.
