Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
O recordo é pouca cousa, mestre e amigo. Eu defínoo como "a cinza do tempo que se nos foi", aínda que me gusta máis dicir que "é unha luciña que alumea pouco". Pero mentres non se apaga, un séntese acompañado do vivido aínda que estea só.
A ti recórdote desde que chegaches a Galicia como catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago, na que fun teu alumno en 4º e 5º, de 1967 a 1969.
De corpo, eras un home rufo e ben afraguado, famoso co teu cachimbo de tabaco recendente, que te acompañaría tantos anos. E en canto ó espírito, os teus dons eran unha gran intelixencia e xenerosidade, unha vontade de ferro para o traballo e unha ilusión permanente pola lingua galega.
Os que lle tiñamos amor ó noso idioma simpatizamos inmediatamente contigo e ti con nós, e puxémonos todos a traballar nel. A miña tese de licenciatura, dirixida por ti, foi sobre o galego. Como en Santiago había alumnos de toda Galicia (daquela a súa única universidade), axiña se fixeron teses de licenciatura e doutoramento sobre toda a xeografía do noso idioma. Con material de 45 delas, dirixidas por ti, fixeches o teu Glosario de voces galegas de hoxe, publicado en 1985, como anexo 27 de Verba. Anuario Galego de Filoloxía, fundado por ti en 1974.
Cando chegaches a Galicia, eran tempos de franquismo pleno e o noso idioma vivía en desolación, da que ti te puxeches a sacalo creándolle institucións (o Instituto da Lingua Galega, ILG, de 1971), manuais para o ensinar (Galego 1, Galego 2 e Galego 3, de 1971, 1972 e 1974, respectivamente, que tiveron varias edicións) e normas para a súa escrita (Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego, de 1980, froito de seminarios celebrados no ILG de decembro a xuño de 1976-1977, publicadas antes en edición non venal por Ediciones Anaya. E en 1982, o ILG-Real Academia Galega promulgaron as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, que estiveron en vigor moitos anos).
No ILG traballouse moito polo galego, a pesar de que o edificio que ti conseguiras da universidade para el non estaba en boas condicións antes de o arranxar. Coñecíao eu ben porque nel tiña a sede o Lectorado de portugués, do que fixen alí dous cursos cos profesores Joaquim Matos Chaves e Noémia Simas Mendes.
O seguinte paso teu polo galego foi tratar de devolverlle o prestixio que perdera na súa situación de asoballado e escarnecido. Con ese fin botácheste coma un apóstolo a falar e escribir del nos medios de comunicación. Isto ocorreu polos anos oitenta e primeiros dos noventa.
O medio que máis usaches foi La Voz de Galicia, na que publicaches centos de comentarios amenos e eruditos sobre o léxico do galego, recollidos en libros polo propio xornal na súa Colección Biblioteca Gallega (Serie Nova). O primeiro libro destes comentarios foi Recantos da Lingua, de 1983.
Todos estes libros e algúns outros traballos teus xuntounos o Centro Ramón Piñeiro nun volume de gran formato e máis de mil páxinas intitulado O libro das palabras (Obra xornalística completa), editado en 2003 como homenaxe a ti. Neste libro de libros, os comentarios lingüísticos son exactamente 1.430.
O Centro Ramón Piñeiro
Outro paso teu polo galego, tamén de moita transcendencia, foi promover en 1993 a creación do centro Ramón Piñeiro, acabado de citar, que dirixiches como coordinador científico. O teu obxectivo era fundar un centro para a nosa xuventude universitaria investigadora interesada polo noso idioma.
Ramón Piñeiro foi un Sócrates da nosa terra que se dedicou a entusiasmar os galegos, sobre todo os mozos por ser eles o futuro, no amor do seu. E outro tanto fixeches ti. Ós dous vos acae que vos definamos como "entusiasmadores de Galicia". Neste centro, para onde ti me levaches, botei os derradeiros doce anos da miña vida profesional.
Tamén en 1993, preocupado polo galego no ensino, fundaches a Revista Galega do Ensino (o primeiro número saíu en decembro), na que traballei varios anos, e que ti dirixiches ata que buscaches quen te substituíse.
Na Real Academia Galega a túa actividade foi tamén incesante. Debéronse á túa iniciativa os Seminarios de Lexicografía e Sociolingüística, e os Cadernos de Lingua, publicación semestral aparecida o primeiro semestre de 1990, que ti dirixiches.
Para o noso idioma ti fúchelo todo. Fuches o "fundamento da lingüística galega actual", como eu te defino na dedicatoria a ti da miña obra Poemas á nai, de 1.999. Pioneiro en todo o referente ó noso idioma, fuches o primeiro que botaches en galego un discurso inaugural de apertura do curso académico na Universidade de Santiago. Foi no curso 1977-1978, e o discurso intitúlase Galego onte, galego hoxe, que é unha emotiva e documentada historia da lingua galega, de "glorioso pasado", como ti nel nos recordas.
Tiñas unha arte especial e unha constancia grande para conseguir da Universidade e dos políticos o que necesitabas para o galego, que che daba o teu amor a el. Ningunha das institucións e publicacións que fundaches deixou de existir. Todo o que botaches a andar segue andando. O que é unha proba do necesarias que eran, e de ti como home de bendición.
Non viñeches a Galicia aproveitarte de nós, como fan outros moitos que aquí veñen, senón darnos todo o teu, que era moito, ata que non tiveches máis que nos dar, porque quedaches pobriño, incluso sen ti, sen a luz do teu recordo.
Nos teus anos de Alzhéimer, cando te sacaban a pasear, viámoste con mágoa andar sen ti, na túa soidade radical. Pero a túa cara sempre ría, sinal de ter a luz de Deus na túa alma.
O 23 deste mes de outubro leváronte para o alén. Segue alá traballando pola nosa lingua. Pídelle a Deus que volvan a ela os que a deixaron, e que os que a desprezan e odian non lle poidan facer mal.
Fixen este teu recordo moito á presa. Sinto non che haber feito outro mellor. Porque, realmente, ti fuches o galego máis galego de todos nós, sen seres da nosa terra. Se así non o recoñecen os galegos de hoxe, sei que os do futuro o han de recoñecer.
