Domingo 07.02.2010
Hemeroteca web
|
RSS
Como vostedes saben os suecos son moi adiantados. Por exemplo, no S. XX os gobernos puxeron en marcha políticas da muller, definidas e reais, sen que previamente as exixisen os movementos feministas, eses que con tanto traballo explicaban no resto de Europa en que consistía a cousa e despois ían logrando avances con moitas dificultades, até chegar a onde estamos. As suecas resolvérono así de ben, porque esa enorme enerxía que aquí se consome en organizar grupos, planificar, saír á rúa, negociar e solicitar avances, alí destínase a fins máis avanzados que nada teñen xa que ver con ese debate. Por iso Suecia non posúe tradición feminista.
No Uruguai de hai cen anos pasou algo parecido. O goberno de Don José Batlle prohibiu o traballo infantil, regulou a xornada de oito horas, a indemnización por despedimento e por accidentes, legalizou o divorcio e el mesmo viviu coa súa compañeira en unión libre, pública e coñecida, mentres era presidente da República. Estas políticas impulsáronse de xeito anticipatorio e determinaron que o Uruguai constituíse a sociedade menos corporativista de América, cun sindicalismo enérxico pero pouco burocratizado, cunha clase obreira avanzada e con elevada conciencia. Por estas razóns ao paisito lle chamaron a Suíza de América, até que todo se estragou.
Que que teñen que ver eses casos coa lingua galega? Moito. En trinta anos de democracia só se promoveron tres medidas: a creación da TVG en galego, a galeguización dos concellos e da Administración autonómica e a deficiente incorporación do idioma a parte do ensino. Como a receptividade dos tres partidos ao cumprimento da Lei de normalización é nula, pois as institucións de estudo, academias, centros, consellos, e esa infinita morea de organismos, cada día está máis mareada. E chegan a un pacto informal co poder autonómico: a Xunta paga estudos e estudos sobre estudos para ter aos estudosos contentos e enredando, e así os organismos fanse cada día máis grandes e fofos, só atenden a enredar e non molestan con exixencias. Desta maneira temos unha aparataxe inmensa, que consume moito diñeiro e serve para moi pouco.
