El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

música

Susana Seivane presenta en Vigo o seu novo disco 'Os soños que volven'

A estrea do espectáculo terá lugar no Centro Cultural Caixanova o 9 de abril, ás 20.30 horas // É o cuarto album discográfico da gaiteira, editado polo seu propio selo

FRAN P. LORENZO • SANTIAGO   | 02.04.2010 
A- A+

Kiko Delgado
Susana Seivane, na pasada edición do Festival de Ortigueira, onde interpretou temas do novo disco
FOTO: Kiko Delgado

Os soños que volven é o novo traballo discográfico de Susana Seivane que a gaiteira presentará o vindeiro 9 de abril, ás 20:30, no Centro Cultural Caixanova de Vigo. Trátase do cuarto álbum que lanza ao mercado, editado polo seu propio selo discográfico. Catorce pezas "de sempre" revestidas coa voz e coa gaita de Susana Seivane que suman un total de case 70 minutos de música. As colaboracións de músicos e artistas destacados do panorama galego e internacional volven ser unha das achegas do traballo: Rodrigo Romaní, Anxo Pintos (Berrogüetto), Harry Price, e unha sección de metais integrada por Pedro Lamas, José Rodríguez e Ricardo Formoso. Presentado oficialmente na pasada edición do Festival de Ortigueira, onde tivo un rotundo éxito, Os soños que volven acode ás fontes tradicionais, pero non desbota a fusión de instrumentos alleos á tradición musical galega.

No espectáculo -para o que se poden adquirir xa as entradas no portal web de Caixanova, e en cuxo prezo está incluído un exemplar do disco que será entregado á entrada do concerto- conviven pezas de composición propia, de autores contemporáneos e arranxos innovadores de temas tradicionais; sempre desde a complicidade co público e desde unha ollada anovadora dos ritmos e dos sons do cancioneiro galego. A xira de Seivane continuará con concertos en Lugo e na Coruña, festivais como El Beltaine, Avilés e importantes colaboracións, coma a do Bagad Kemper en Francia.