Jueves 26.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O conselleiro Roberto Varela |
A M.T -Machine Translation, en inglés- é unha área da lingüística computacional que estuda o desenvolvemento de software e ferramentas que fan posíbel a tradución dun texto dunha linguaxe natural a outra. Moitos dos textos que a administración galega, os medios de comunicación e as empresas publican en galego na actualidade proceden de traducións automáticas do castelán, realizadas grazas a desenvolvidos e complexos programas informáticos. E á inversa, do galego para o castelán. Pero esas traducións automáticas precisan dun ollo que acredite a súa xusteza e idoneidade. O deturpado topónimo Desván de los monjes (*) -utilizado polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, durante un discurso na pasada edición de Fitur- proba a importancia decisiva do factor humano no acabado final destes textos clónicos.
Desván de los monjes (*), no lugar de Sobrado dos Monxes, e Toro (*), no canto deTouro, son inexistentes localidades galegas, menos reais e recoñecíbeis que aquel máxico Castroforte del Baralla de Torrente Ballester. Pero desde que Roberto Varela, con voz firme, inscribiu o nome desas dúas vilas pantasmas no mapa dos horrores lingüísticos contemporáneos -salvouse Toques de converterse en Golpecillos (*)- as redes sociais e as redaccións dos xornais fervían coa lenda urbana dun conselleiro en modo automático. El mesmo -recusado polas deputadas do BNG, Carme Adán e Ana Pontón-, negouno no Parlamento: "hai que ser estúpido para pensar que eu vou dicir Desván de los Monjes". Pediulles, ademais, que deixaran de "buscar lixo na Rede". Pero subestimou Varela o poder de Internet e desas poderosas hostes de espeleólogos da información que buscan, achan e colgan todo no hiperespazo dos tres www.
Onte o portal de vídeos Youtube achegaba a proba dun "erro" polo que o titular de Cultura pediu xa "desculpas" publicamente: desculpas polo erro -que achacou á tradución automática-; desculpas aos habitantes do Desván (*) e de Toro (*); desculpas ás dúas deputadas; e desculpas, non o fixo pero puido facelo, ao alcalde de Fene, Iván Puentes, que o pasado 29 de xaneiro publicara na versión dixital de A Nosa Terra un artigo titulado Desván de los Monjes no que glosaba a "conmoción neuronal" que experimentou o edil logo do discurso de Varela en Fitur, comparando o episodio coa gloriosa elevación de Carmiña Burana ao parnaso canoro galego, protagonizada por un atribulado Pérez Varela. Fontes de Cultura atribuían onte á "vehemencia" de Varela na súa intervención parlamentaria a que "conscientemente nunca se referiu ás localidades coruñesas con outro topónimo que non fose Sobrado dos Monxes e Touro". Iso ou que o fixo en modo automático, un estado moi similar ao da inconsciencia
