Sábado 07.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| A viúva de Álvarez Blázquez, María Luísa Cáccamo, canda Pérez Touriño, Ánxela Bugallo e Ameijeiras FOTO: Otto/AGN |
A Casa da Matanza de Padrón, máis coñecida como a Casa de Rosalía, acolleu onte o acto institucional do Día das Letras Galegas, que este ano rende tributo ao escritor, editor e investigador Xosé María Álvarez Blázquez.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o delegado de Goberno en Galicia, Manuel Ameijei- ras; e os conselleiros de Cultura, Sanidade, Educación, Pesca, Presidencia, Ánxela Bugallo, María José Rubio, Laura Sánchez Piñón, Carmen Gallego e José Luis Méndez Romeu, foron recibidos pola pancarta das traballadoras despedidas de Galicia Dixital que, cunha pancarta e a ritmo de bombo, reivindicaban estabilidade laboral.
Ao acto asistiron tamén membros da Real Academia Galega e do sector cultural galego, así como familiares do homenaxeado. Os profesores Xosé Enrique Acuña e Xosé Luís Axeitos lembraron algúns dos aspectos do homenaxea- do este ano.
O presidente galego fixo referencia ao debate lingüístico e salientou que "están condenados ao fracaso" todos os intentos de "escindir a cidadanía como dúas comunidades por causa da lingua" e avogou porque ambas linguas non se limiten a coexistir, senón que "teñen que convivir". Ao tempo, fixo fincapé no "proceso de recuperación lingüística no que Galicia está empeñada" e que, ao seu xuízo, debe acadar un "bilingüismo libre e integrador". "A lingua galega, ao igual que o castelán, é un patrimonio da cidadanía, tanto dos galego-falantes, como dos castelán-falantes e dos bilingües", engadiu Touriño, quen reivindicou para ambas as linguas os mesmos "espazos de liberdade e igualdade", tras rexeitar unha "Galicia monolingüe".
Homenaxe aos creadores
O mandatario estendeu "a todos os escritores galegos e cultivadores da lingua galega" o tributo deste 17 de Maio dedicado a Álvarez Blázquez, a quen se lle "restitúe parte do amor que el lle entregou a Galicia". Ao mesmo tempo, lembrou que a celebración conseguiu ao longo dos seus 45 anos de existencia "alcanzar unha importancia extraordinaria na percepción social da literatura galega". Así, gabou o traballo dos "vellos escritores" que "construíron un inmenso capi- tal espiritual co que agasallaron a un país que noutros tempos estivo resignado a non ser".
Vigo, a cidade e o día de Álvarez Blázquez
O acto central do Día das Letras Galegas 2008 terá lugar en Vigo, organizado pola Real Academia Galega en colaboración co Concello de Vigo. Ás 12.30 hora do 17 de maio celebrarase unha sesión plenaria extraordinaria e pública da RAG no Auditorio do Concello, coa intervención dos académicos Darío Xohán Cabana, Víctor F. Freixanes e Xosé Luís Méndez Ferrín. Pechará o acto o presidente da Academia, Xosé Ramón Barreiro Fernández. Xa pola tarde, ás 17 horas, descubrirase unha placa conmemorativa na casa onde viviu durante corenta anos Xosé María Álvarez Blázquez (Gran Vía, 180).
Tamén en Vigo, pódese visitar até o 25 de maio, na Casa Galega da Cultura, a exposición A palabra e os días, sobre o legado de Álvarez Blázquez, unha mostra que, canda a exposición no Museo Quiñones de León sobre o Álvarez Blázquez arqueólogo, se suma ao xantar popular que, tamén o 17 de maio, organizou a concellería de Cultura de Vigo no parque de Castrelos en homenaxe ao escritor.
Ademais dos roteiros programados na cidade, o Verbum acollerá o 17 de maio, a partir das 10 horas, unha lectura pública e gravada da obra de Xosé María Álvarez Blázquez, así como obradoiros arredor do autor.
Festexando tamén o Día das Letras, Milladoiro e Cuarteto Caramuxo, grupo gañador do concurso Festival Folk Cancioneiros, compartirán escenario na Coruña, nun concerto que ofrece a Fundación Barrié co obxectivo de divulgar o patrimonio da música popular galega. Será o sábado en Palexco ás 20.30 horas. A entrada é de balde pero deberá recollerse na sede da fundación, hoxe a partir das 12 do mediodía .
O nexo dos Álvarez con Sarmiento
Axeitos referiuse ó ingreso dos Álvarez na cultura galega: Emilio Álvarez Jiménez fora primeiro biógrafo do Padre Sarmiento e, máis tarde, Darío Álvarez Limeses ingresa no Seminario de Estudos Galegos cun discurso sobre o frade. O seu fillo, Xosé Mª, recollería a copia manuscrita de Murguía sobre as viaxes a Galicia de Sarmiento para a súa publicación.
O Valedor, aberto ás queixas lingüísticas
O valedor do pobo, Benigno López, lembroulles onte ós cidadáns que teñen as portas da institución que dirixe "abertas" para presentaren as súas queixas ante posíbeis casos de "inxustiza ou discriminacións" en materia lingüística, destacando a defensa dos intereses idiomáticos da comunidade, nunha "data simbólica" para Galicia.
Bará pide retirar de Tui símbolos fascistas
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, invitou onte ao Concello de Tui a "saldar a débeda" que ten coa familia do poeta Xosé María Álvarez Blázquez e proceda, polo tanto, a retirar a simboloxía franquista presente na vila. "Sería a mellor homenaxe para o ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas", resolveu.
Feijóo, cada día "un pouco máis lonxe"
Pérez Touriño acusou onte o líder do PPdeG, Núñez Feijoo, de iniciar "un camiño de afastamento" da lingua galega e da súa propia identidade, ao estar cada día "un pouco máis lon- xe" do cumprimento do Plan de Normalización. "Mal vexo a un portavoz dun partido relevante que se afasta da súa identidade, da súa lingua e das leis do seu país", dixo .
