Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Viernes 25.04.2014  | Actualizado 00.00 Hemeroteca web  |  RSS   RSS

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

galardóns para unha cultura

Un penedo, unha árbore, un lugar

O escritor Agustín Fernández Paz recibe na súa vila natal a homenaxe da AELG e lembra o "agasallo maior" que lle outorgaron os seus, o idioma galego // O mundo das letras arroupou onte o narrador, que lembrou o paralelismo constante que existe "entre a miña vida e o que escribo"

CRISTINA PÉREZ • VILALBA REDACCIÓN   | 21.06.2009 
A- A+

Agustín Fernández Paz protagonizou onte en Vilalba a a XV edición da homenaxe O escritor na súa terra, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, na que este mestre e escritor, natural do barrio das Fontiñas recibiu "tres agasallos, coma nos contos, un penedo, unha árbore e un espazo público".

"Honrado" pola acollida recibida, Fernández Paz lembrou a seus pais e a seus irmáns, así coma aos seus parentes e aos veciños da infancia, a todos os que lles debe o que el calificou como "o agasallo maior", a lingua. O homenaxeado pediu tamén consciencia sobre "a riqueza que posuímos" e salientou o paralelismo constante "entre a miña vida e o que escribo".

Numerosas personalidades do mundo da cultura galega, amigos do escritor, veciños e representantes da corporación local quixeron arroupar o escritor neste acto, co que se bautizou un parque co seu nome, no mesmo lugar polo que "os meus pés de neno percorreron unha e outra vez", plantouse unha bidueira, tamén cun fondo vencello coa súa infancia vilalbesa e descubriuse un monolito escultórico co texto As paisaxes na memoria.

O tributo a este "artesán das palabras", como o definiu o director de Xerais, Manuel Bragado, continuou no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, onde máis de 150 personas aplaudiron a entrega da Letra E a Agustín Fernández Paz, logo de recibir as gabanzas de todos os poñentes.

A intervención máis emotiva foi, precisamente a do seu "amigo" o editor Bragado, quen repasou con detalle a traxectoria profesional do homenaxeado dende o seu primeiro texto, con apenas dez anos sobre o Sputnik, na escola de Don Félix, ata o seu labor a prol da "galeguización da escola" e na renovación metodolóxica no ensino da lingua.

O alcalde vilalbés, Gerardo Criado, salientou que "Agustín transmite proximidade, sinceridade e transparencia" ao tempo que o recoñeceu coma un reflexo da personalidade da Terra Chá. Tamén tivo palabras para a súa importante traxectoria no mundo pedagóxico e no narrativo o que o fixo recibir "premios moi merecidos", asegurou o rexedor municipal.

A súa defensa do idioma galego, tanto a través das súas obras como do traballo docente foi unha das notas máis destacadas das verbas do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, para quen o traballo de Fernández Paz axuda a "manter a esperanza no futuro da nosa lingua".

A secretaria da entidade, Mercedes Queixas, lembrou que a do escritor foi a única candidatura para recibir esta homenaxe, unha proposta apoiada por unanimidade e avalada por "máis de 50 títulos" e pola súa "produción ininterrompida" e o seu "compromiso coa lingua galega".

A homenaxe rematou cunha comida de confraternidade no Parador de Vilalba, aínda que os recoñecementos a Agustín Fenández Paz non cesan, xa que o día 23 recollerá, en Teruel, o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, concedido polo Ministerio de Cultura pola súa obra O único que queda é o amor.

Dende as súas novelas primeiras, As flores radiactivas (1990), Cartas de inverno (1995) e O centro do labirinto (1997), aos seus libros de relatos como Contos de palabras (1991) ou Cos pés no aire (1999), revelouse como un dos narradores que deixou máis fortes pegadas en milleiros de lectores e lectoras de varias xeracións.

Xa na súa madurez humana e literaria, Fernández Paz ofreceu algunhas das novelas máis valoradas do noso tempo como Aire negro (2000), Noite de voraces sombras (2002) ou Corredores de sombra (2006).

PREMIO A MARCOS VALCÁRCEL

"A dereita galega ten moito que aprender de Pedrayo"

"Síntome moi satisfeito, moi orgulloso, e moi ledo de recibir un premio que leva o nome dun dos máis grandes escritores das letras europeas do seu tempo". Son as palabras do escritor, historiador e xornalista Marcos Valcárcel que onte recibía no Teatro Principal de Ourense o Premio Otero Pedrayo, instituído pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais. Na decisión de xurado tívose en conta a "longa traxectoria de Marcos Valcárcel como investigador, erudito e divulgador" ao que se unen "outras disciplinas como dinamizador cultural, xornalista de opinión, docente e conferenciante".

O colaborador habitual de Galicia Hoxe abordou no seu discurso algúns dos fitos máis destacados da figura do autor de Arredor de sí, da que é un fondo coñecedor. Valcárcel cifrou a obra e o labor de Otero no contexto da Xeración Nós. "Aquela xeración con aquela capacidade epopeica de traballo e de esforzo foi a que tivo a ilusión e o gran compromiso de inventar unha idea de Galicia".

Autor da edición para Galaxia d'O libro dos amigos de Otero, Valcárcel apuntou que "é chegado o momento de poñer, de verdade, de moda a Otero Pedrayo", de recuperar a súa obra e levala ao espazo público pero tamén de retomar a súa faceta de historiador, europeísta convencido, paisaxista de noso. Valcárcel foi máis alá na súa demanda: "eu atrévome hoxe a dicir aquí que Otero Pedrayo está esperando aínda pola dereita galega. Ou dito doutro xeito que a dereita galega ten moito que aprender, ten moito que coñecer a traves da obra de Otero Pedrayo. Para empezar esa apelación pola fala, esa necesidade de construción do país sobre o seu idioma sobre a súa cultura propia, esa harmonía social que o propio Otero recomendaba como modelo de vida", dixo.

O discurso de Marcos Valcárcel, que pode ser lido no blog http://www.asuvasnasolaina.blogspot.com, conclúe que "Otero Pedrayo non nos deixou vías asfaltadas, nin grandes fábricas, nin grandes empresas, nin nomes de compañías nin nada semellante; ese non era o seu mundo. Pero deixounos o poder da palabra e tamén o poder indestrutible da ideas" .

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorreogallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS