Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Nos dez meses do ano foron atropeladas trinta e nove persoas, cinco perderon a vida e este venres morreron aínda outras dúas. Son cifras alarmantes que rebordan o interese particular dunha cidade de trinta e pico mil habitantes. Por esa razón paga a pena observar como tratan eles mesmos o asunto.
Os críticos da localidade cargan contra o Concello, porque só patrulla un coche policial, e porque o radar que lle cedeu a DGT manéxao un operario sen especialización. Piden máis alcoolímetro, aínda que esquecen o cocainilímetro, o extaselímetro e outras herbas. As autoridades municipais tamén falan, á súa maneira, e lembran que os paseantes deben mirar ben antes de cruzar, fixándose en que non veñan coches nin dun lado nin do outro, o cal é unha contribución imprescindíbel á ciencia didáctica universal.
É certo que hai unha deficiente xestión municipal, que é a cidade máis sucia de Galicia, co maior volume de excremento canino por metro cadrado, que ninguén recolle, nin os donos dos cans nin os servizos de limpeza. Pero nos atropelos o problema verdadeiro é que unha boa parte da poboación está totalmente a monte. E diso non falan nin os críticos nin os políticos, porque sae caro. Dito coas finas palabras de Stendhal, que describían a maneira de guiar en París ao comezo do século XIX: hai alí moitos coches, e aínda para máis inri conducidos por imprudentes! As rodas pasarán por riba túa se caeres, porque non se arriscarán a estragar as bocas dos seus cabalos, facéndoos parar de repente.
Diante da xanela da casa na que paso moitos días hai unhas raias de cebra do máis concurrido. É un divertimento. Os autos veñen mangados e só paran se o peón é coraxudo e xa se meteu. A urbanidade máis practicada, unánime, é a do piloto que mira para a beirarrúa e acena coa man, non se sabe se saudando ou desprezando, mentres mantén a investida e disuade a case todos. Antonte un rapaz evocoulle a nai a un condutor en voz moi alta. Tamén vin un homiño co todo terreo cravado no medio do paso, preguntándolle ao cruzador, que lle chamaba fanfarrón e temerario: ¿Luego yo a usted lo atropellé, o?
